Centro

sábado, 22 de junio de 2013

Día das Letras Galegas 2014


O Día das Letras Galegas do vindeiro ano estará dedicado ao poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro ao que o Instituto de Guitiriz, que leva o seu nome, homenaxeou hai uns días cun interesante documental titulado A lus do mundo.
Nós queremos rematar esta entrada lembrando un dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope":

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.


Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.


Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.


Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

miércoles, 19 de junio de 2013

Tolos pola Ciencia. Suxestións de lecturas para o verán: EI e EP

Despois da celebración da Semana da Ciencia, Sansiño recoméndarvos algunhas lecturas para este verán que vos fagan disfrutar, amosar interese, descubrir, satisfacer curiosidades, investigar... É dicir, convertirvos nuns CURIOSOS POLA CIENCIA. Disfrutade das lecturas e das vacacións.

martes, 18 de junio de 2013

O Portal das Palabras

O Portal das Palabras é un espazo web creado pola RAG e a Fundación Barrié que pretende difundir os recursos léxicos creados pola Academia entre a comunidade escolar.

anuncia o portal na túa web

viernes, 14 de junio de 2013

Sinbad

Unha das últimas interpretacións de Xosé Manuel Olveira, "Pico", no cine foi a de Sinbad na adaptación cinematográfica da novela Se o vello Sinbad volvese as illas de Álvaro Cunqueiro, a cal por certo podes atopar na nosa biblioteca. Outra lectura interesante para a ESO relacionada con Sinbad é Sari, soñador de mares, a primeira novela de Marcos Calveiro na que este continúa o relato do mindoniense.


¡Non hai tales illas Sinbad! ..............
-¡Hai, hai! ¡Están as illas das Cotovías coma sete laranxas! 
Álvaro Cunqueiro, Se o vello Sinbad volvese ás illas

O teatro galego de loito

Hoxe, a páxina da Asociación de Actores e Actrices de Galicia abría cun lazo negro para lembrar a morte do actor Xosé Manuel Olveira, "Pico", ao que puidemos ver hai uns meses interpretando maxistralmente o personaxe de don Valeriano na película Doentes.
Pico amosou o seu bo facer no teatro, no cine e na televisión. Foi presidente da Academia do Audiovisual Galego e recibiu entre outros premios o María Casares e varios Mestre Mateo.
Sit tibi terra levis.
Créditos da foto: a foto foi tirada da páxina de AGADIC

jueves, 13 de junio de 2013

Club de Ciencias, Semana da Ciencia e guías de suxestións.

O Club de Ciencias de ESO recibiu unha mención especial no III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos polo seu traballo sobre o  tempo e o clima en San Sadurniño. Por outra banda, como xa sabedes, podedes atopar os vídeos da Semana da Ciencia, que vimos de celebrar a pasada semana, na nosa web e visitar a exposición das fotografías do II Concurso de Fotografía do Día Mundial do Medio Ambiente organizado polo concello e o centro na entrada do edificio de secundaria.
Se vos quedaron ganas de lecturas científicas, lembrade que vos agardamos onde o mundo se chama biblioteca e que tedes suxestións de lectura nas seguintes guías: De ciencia e con ciencia (curso 2009-2010), Naves en chamas. Guía de ciencia ficción (curso 2010-2011), Isto é curioso. Suxestións de lectura (curso 2011-2012) e Mulleres e ciencia. Suxestións de lectura (curso 2012-2013). E non queremos rematar sen lembrar que este curso homenaxeamos a Rita Levy-Montalcini, Premio Nobel de Medicina, no Día da Muller Traballadora.

miércoles, 12 de junio de 2013

Contos no saquiño

Hoxe atopámonos cunha entrada no blogue da Biblioteca do CFR de Ferrol sobre os storysacks de Sansa. Preme aquí para lela e ver as fotos.