Centro

martes, 12 de julio de 2016

Agustín Fernández Paz: o home que coñecía a maxia das palabras e os fíos da memoria

Quizais as persoas esteamos feitas de recordos, quizais a nosa vida se asemelle a un pano tecido cos fíos da memoria, os mesmos que utilizo para construír as miñas novelas.
Agustín Fernández Paz, O rastro que deixamos
 
A mañá de hoxe tróuxonos unha triste nova: o falecemento do escritor Agustín Fernández Paz. Queremos lembrar a Agustín cuns anacos dun fermoso texto que escribiu para a conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e cun vídeo no que se recolle unha exposición  realizada na Biblioteca Agustín Fernández Paz do Instituto Basanta Silva de Vilalba (vila naquel naceu en 1947).


Un mundo de palabras

    Cando eu era neno, tiña na miña cama unha colcha feita con retallos de teas de diferentes texturas e cores: unha colcha de trapos. Lémbroa agora, despois de tantos anos, e volvo escoitar o estrondo das ondas e o ruído do vento nas velas, e sinto medo porque me atopo nunha selva chea de perigos, e contemplo abraiado un espacio lunar ateigado de silencios... Porque a miña memoria se enche cos mundos encerrados nos libros que había na pequena biblioteca de meu pai, aqueles libros que, coas mans aterecidas, eu lía con paixón nas noites de inverno da miña infancia, abrigado pola colcha de trapos que fixera miña nai.
    A min gustábame moito contemplar aquela colcha, imaxinar que a súa superficie era como un inmenso territorio, un gran continente con múltiples países, tan diversos e atraentes coma os debuxos e as cores das teas que a formaban. E por eses países soñados, polas súas selvas e cidades, polos seus montes, ríos ou desertos, facía eu vivir as personaxes que nacían da miña imaxinación, alimentada decote polas palabras gardadas naqueles libros inesquecibles.
    Estas lembranzas veñen á miña memoria mentres contemplo o globo terráqueo que a miña filla ten no seu cuarto, iluminado por un sol interior que o fai brillar na penumbra. E penso entón que o mundo é coma a colcha da miña cama de neno: un mosaico de cores, un inmenso puzzle de países e culturas, onde todas as pezas, grandes ou pequenas, son imprescindibles.
    Coma na colcha que gardo na miña memoria, coma no globo terráqueo que acompaña os soños da miña filla, tamén a diversidade está presente en todas as manifestacións da vida humana. Un mosaico de etnias, de costumes, de linguas, de xeitos de entender o mundo. Unha pluralidade que é a nosa maior riqueza.
    Quizais por iso, cando penso na variedade de linguas, nas diferentes verbas que as persoas utilizamos para nomear o mundo, volve a min o abraio dos meus anos de infancia, aquela certeza de que a través das páxinas dos libros podía coñecer o mundo enteiro. Agora sei que alí están as raíces deste pulo que me leva a crear historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais.
    As palabras, ese milagre cotiá que nos fai humanos. Con elas aprendemos os nomes das cousas, expresamos todo o que sentimos, dámoslle vida á nosa imaxinación sen límites. E coas palabras podemos, ademais, vencer o tempo e o espacio, dialogar con persoas doutras épocas ou que están lonxe de nós. Velaí a marabilla dos libros, que nos permiten coñecer o que pensan e soñan as persoas que falan en tantas linguas diferentes.
    Algunhas noites de verán gústame tombarme na herba e contemplar o ceo que nos cobre. Sei que as estrelas que vexo escintilar no firmamento son as mesmas que viron nos tempos antigos, as mesmas que tamén fascinarán ás persoas do novo milenio que nos agarda. Un ceo amigo, que me leva a pensar nesoutro ceo de palabras e de libros que tamén comparte toda a humanidade. E sinto entón que a diversidade é o fío profundo que nos une a todas as persoas que vivimos neste vello planeta. Un planeta que é a nosa gran casa común, acubillada baixo esoutra colcha inmensa que polas noites se enche de estrelas e nos acolle a todos. 

Agustín Fernández Paz




                                              
Grazas por todo Agustín. Sit tibi terra levis.