Centro

Mostrando entradas con la etiqueta PREMIOS. LITERATURA GALEGA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PREMIOS. LITERATURA GALEGA. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de abril de 2018

Libros que van chegando: A arte de trobar

A arte de trobar de Santiago Lopo é a novela que gañou o Premio Xerais do pasado ano. A obra do escritor vigueś transpórtanos ao século XIII a través da combinación do suspense cunha coidada ambientación histórica que nos aproxima ao mundo do catarismo e da literatura medieval provenzal e galaico-portuguesa. Esta novela, entretida e ben documentada, agradará aos que gustan da novela histórica, da literatura medieval e dos relatos de intriga.


jueves, 22 de febrero de 2018

Certame Literario 25 do novembro

O equipos de Dimanización da Lingua Galega e da Biblioteca convocaron o Certame Literario 25 de novembro no marco das actividades organizadas para o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A semana pasada entregamos os premios na biblioteca ao alumnado gañador que figura na nosa web.

viernes, 2 de diciembre de 2016

Todo o tempo do mundo

E así ía lendo o mundo coma se lese un libro, ou fose lendo unha rúa da vila. Sempre me gustou ler as rúas, foi o que máis me gustou de aprender a ler: ler as rúas, os carteis dos comercios, mil cousas. Pero ninguén me ensinara a escoitar.
David Pérez Iglesias, Todo o tempo do mundo

E Ariadna aprenderá a escoitar da man do seu avó nesta novela de David Pérez Iglesias (responsable da canle de vídeos SonCine) con ilustracións de Marcos Viso. Pero, deixemos que sexa o seu autor o que nos presente a obra coa que, por certo, gañou a XXXI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil:

«Un libro é un camiño. Desexar que o camiño non remate, que te acolla e chame polo mellor de ti. Verte ensarillado nos camiños que outros andaron. Repousar nas encrucilladas coas outras historias. Porque ese é o noso relato e a nosa herdanza. O que di que estivemos aquí, e que o noso estar aquí tivo desexo e sentido, que non nos acovardamos, que andamos o treito que tocou, e que o camiño segue despois de nós.»
 
«Se da man destas palabras algunha meniña á volta da escola, ou algún patrón canso, ou unha traballadora alertada polas inseguridades da vida, comparten a emoción do encontro coa terra, a valentía da infancia, a convicción do que é xusto, a dignidade da palabra, a aperta confiada do idioma que nos deron, a nobreza da necesidade, eu terei feita a miña labor.»

 «Todo o Tempo do Mundo é unha novela sobre a perda e o descubrimento. Unha nena que volve á aldea dos seus pais, onde xa só vive un avó que apenas coñece. Unha aldea no límite da desaparición, ameazada polas canteiras e o despoboamento. Nela cada xesto cotián ten a reverberación do único, do esencial. Da man do seu avó Valente, Ariadna abre os ollos a un mundo que é por ultima vez e a unha maneira de camiñar pola vida que durará sempre.» 


viernes, 20 de mayo de 2016

I Gala do Libro Galego


O pasado sábado 14 de maio celebrouse a I Gala do Libro Galego no Teatro Principal de Santiago de Compostela. As obras gañadoras foron:
  • O último día de Terranova de Manuel Rivas na categoría de narrativa. 
  • O meu pesadelo favorito de María Solar na categoría de Literatura infantil e xuvenil.  
  •  Xogando con gatos de Antón Cortizas na categoría de teatro
  • Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas na categoría de ensaio. 
  •  oso, mamá, si? de María Lado na categoría de poesía.
  • Mocidade (Joseph Conrad) en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin na categoría de tradución. 
  • Poétic@, de Fran Alonso na categoría de proxecto literario na rede.
  • Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas) na categoría de iniciativa bibliográfica.
  • Espazo Lectura na categoría de iniciativa cultural ou de fomento da lectura.
  • Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela na categoría de libro ilustrado.
  • Sermos Galiza na categoría de xornalismo cultural.  



Para saber máis:


martes, 6 de octubre de 2015

Ledicia Costas Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

A escritora viguesa Ledicia Costas vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa novela Escarlatina, a cociñeira defunta. Este galardón é concedido polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para distinguir unha obra dun escritor español escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada durante o ano anterior á concesión do premio. 
O xurado, segundo podemos ler na nota de prensa antes enlazada, considerou que se trata dunha obra "extraordinaria, humorística y rompedora en el contexto de la literatura infantil y juvenil actual que destaca también por su fácil lectura, por su humor escalofriante, y por la habilidad para desmitificar el mundo de la muerte”.

Parabéns a Ledicia! Por certo, os que aínda non lestes a novela, xa sabedes que a podedes atopar alí onde o mundo se chama biblioteca. 

miércoles, 30 de abril de 2014

Agustín Fernández Paz gaña o Premio Trasalba

Agustín Fernández Paz, que vén de anunciar non hai moito a publicación dun novo libro, é o galardoado este ano co Premio Trasalba. O escritor recibirá o premio na casa-museo de Otero Pedrayo o próximo 29 de xuño.