Centro

martes, 24 de abril de 2012

Nicanor Parra e antipoesía




Onte, 23 de abril, o neto do poeta Nicanor Parra recibiu en nome do seu avó o Premio Cervantes.
Nicanor Parra, que naceu en Chile o 5 de setembro de 1914, é o maior da Familia Parra, da que tamén formaron e forman parte coñecidos artistas e músicos entre os que figura a cantautora e folclorista Violeta Parra.
En 1954 publicou Poemas e Antipoemas que se considera o libro que inaugura a antipoesía. Unha poesía na que a realidade é mirada dende o humor e a ironía.
La poesía chilena se endecasilabó
¿Quién la desendecasilabará?
El gran desendecasilabador

Nicanor Parra

viernes, 13 de abril de 2012

Visita de Gonzalo Moure


O pasado 26 de marzo visitounos o escritor Gonzalo Moure. Como xa sabedes,
Gonzalo Moure naceu en Valencia no ano 1951, aínda que na actualidade reside en Asturias. Estudou Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid e traballou coma xornalista fundamentalmente na radio.
En 1991 publicou a súa primeira novela, Geranium, que foi incluída na Lista de Honra do IBBY. Dende aquela obtivo numerosos premios polas súas obras de literatura infantil e xuvenil coma o Premio Barco de Vapor por Lili Libertad, o premio Ala Delta por Maíto Panduro, o Premio Gran Angular por El síndrome de Mozart, etc..
Cómpre destacar tamén, que é un dos principais impulsores do proxecto Bubisher, o bibliobús que percorre as escolas dos campamentos de refuxiados do Sáhara.
Aquí atoparedes máis sobre a súa visita.

miércoles, 21 de marzo de 2012

Día Mundial da Auga: 22 de marzo de 2012


A biblioteca do noso centro súmase a esta celebración cunha selección de libros sobre a auga que atoparás na nosa web.

Día da Poesía. Lembrando a Wislawa Szymborska


“Só as preguntas un pouco inxenuas son verdadeiramente profundas”

Hoxe é o Día Mundial da Poesía e nos querémosllo dedicar á poeta polaca Wislawa Szymborska, recentemente falecida.
Wislawa Szymborska naceu en Kórnik o 2 de xullo de 1923 e finou en Cracovia o 1 de febreiro de 2012. En 1931 trasladouse coa súa familia a Cracovia, cidade na que residiu ata a súa morte. Foi poeta, ensaísta e tradutora. Entre os numerosos premios que recibiu figura o Nobel de Literatura que lle foi concedido en 1996.
A súa poesía, revestida polo común dunha sutil ironía, reflexiona sobre o paso do tempo, o amor, a dor, a morte... En fin, sobre os eternos temas da poesía presentados coa sinxeleza que só unha poeta da súa altura pode acadar.
Se queres achegarte á obra da poeta polaca recomendámosche os seguintes libros: El gran número. Fin y principio y otros poemas publicado por Ediciones Hiperión e Versos escollidos que vén de publicar Edicions Positivas. Nós, para rematar escollemos a primeira estrofa do famoso poema “Nada dúas veces” na tradución que Lucía Caeiro realizou para o segundo libro amentado:
Nada sucede dúas veces
nin vai suceder. Por iso
sen experiencia nacemos
e sen práctica morremos.

Aquí atoparás máis información sobre as actividades que as bibliotecas escolares están a desenvolver.



jueves, 15 de marzo de 2012

Día Internacional da Muller








Ao longo desta semana e da vindeira continuaremos coa exposición na biblioteca dos libros elixidos para conmemorar esta data.
Por certo, a foto escollida para ilustrar esta entrada reproduce o traballo dunha das nosas alumnas de 3º de ESO sobre mulleres escritoras. Atoparás nel a Christine de Pisan, Jane Austen, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Wislawa Szymborska.
Aquí atoparas actividades e materiais realizadas por outras bibliotecas escolares para conmemorar este día.

jueves, 16 de febrero de 2012

O tendal da poesía







Xa está listo o noso "tendal da poesía". Algúns alumnos optaron por copiar os seus poemas de amor preferidos mentres outros preferiron crear o seu. Grazas a todos os que participastes.
Por certo, aquí podedes atopar as actividades e propostas doutros centros.



http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/429