Centro

jueves, 13 de junio de 2013

Club de Ciencias, Semana da Ciencia e guías de suxestións.

O Club de Ciencias de ESO recibiu unha mención especial no III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos polo seu traballo sobre o  tempo e o clima en San Sadurniño. Por outra banda, como xa sabedes, podedes atopar os vídeos da Semana da Ciencia, que vimos de celebrar a pasada semana, na nosa web e visitar a exposición das fotografías do II Concurso de Fotografía do Día Mundial do Medio Ambiente organizado polo concello e o centro na entrada do edificio de secundaria.
Se vos quedaron ganas de lecturas científicas, lembrade que vos agardamos onde o mundo se chama biblioteca e que tedes suxestións de lectura nas seguintes guías: De ciencia e con ciencia (curso 2009-2010), Naves en chamas. Guía de ciencia ficción (curso 2010-2011), Isto é curioso. Suxestións de lectura (curso 2011-2012) e Mulleres e ciencia. Suxestións de lectura (curso 2012-2013). E non queremos rematar sen lembrar que este curso homenaxeamos a Rita Levy-Montalcini, Premio Nobel de Medicina, no Día da Muller Traballadora.

miércoles, 12 de junio de 2013

Contos no saquiño

Hoxe atopámonos cunha entrada no blogue da Biblioteca do CFR de Ferrol sobre os storysacks de Sansa. Preme aquí para lela e ver as fotos.

lunes, 27 de mayo de 2013

Medos Romero

O alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu o pasado 24 de maio a unha conferencia da escritora Medos Romero. A narradora e poeta, nada en Somede (As Pontes), falounos dos seus inicios coma escritora e das principais características da súa obra, ademais de nos ler algúns dos seus poemas. Deixámosvos aquí un destes, pertencente ao seu poemario Ámome en por min:


DÉITOME nun cómbaro
de abrótegas, xestas
e azafrán silvestre.
Vide, tapádeme con herbas frescas.
Que se vexa o meu ollar,
só iso,
que fala dende os anos
das mulleres meigas da beira do río.
MEDOS ROMERO
Ademais na nosa páxina web atoparedes un tríptico que elaboramos co gallo da súa visita. Coma sempre, agardámosvos onde o mundo se chama biblioteca.

miércoles, 15 de mayo de 2013

Roberto Vidal Bolaño: unha vida por e para o teatro


Este ano o Día das Letras Galegas dedícase a Roberto Vidal Bolaño. Dramaturgo, actor, director de teatro, escenógrafo, guionista... O compostelán foi, por riba de todo, un home que amou o teatro con paixón e persistencia tal e coma el mesmo recoñecía nunha entrevista na TVG:

"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo, non? E, sen embargo, por eso, máis grandiosa." 

A súa obra dramática, na que conviven a alegoría e o realismo, amosa as pegadas da cultura popular e das formas parateatrais, mais tamén a influencia dos grandes dramaturgos do século XX, dende Bertold Bretch a Ionesco, sen esquecer os seu admirados Valle Inclán e Otero Pedrayo. 


O seu teatro é "popular, contemporáneo e universal" tal e como afirma Avelino González no Cuestionario Vidal Bolaño. Un teatro no que a ironía e a visión lúcida e crítica da realidade converxen para conformar unha obra diversa que conserva hoxe  a súa vixencia.

Aquí atoparás máis información sobre o autor homenaxeado este vindeiro 17 de maio:

martes, 23 de abril de 2013

Día do Libro


“Porque los libros son así, mi pequeño Francesco: no necesitan al mundo, es el mundo el que los necesita a ellos.”
Roberto Cotroneo









Este 23 de abril querémosvos desexar felices lecturas e lanzar unha pregunta ao aire neste día de libros e rosas: ler, para que? Atoparedes algunhas excelentes razóns que contestarán esta pregunta na entrada de hoxe do blog do club de lectura.
Polo demais, xa só nos queda lembrarvos que aquí podedes encontrar información sobre as actividades desenvolvidas nos centros educativos galegos nesta data.