Centro

martes, 11 de noviembre de 2014

Novembro de festas tradicionais II: o magosto

O magosto, a festa das castañas, xa está aí agora que chegou o mes de Santos, San Martiño ou novembro que das dúas formas se coñece en Galicia o undécimo mes do ano, aquel que no refraneiro popular aparece como "Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés", refrán por certo tamén existente en castelán como podes comprobar no Refranero Multilingüe do Centro Virtual Cervantes.
O magosto, é unha das festas do ciclo de outono, posto que, como sabes, en todo o mundo existen celebracións rituais asociadas aos cambios estacionais. Ademais, o Magosto é a festa da castaña, que foi o alimento básico en Galicia ata a chegada da pataca de América.
Tradicionalmente o Magosto celebrábase o primeiro día de novembro, festividade de Todos os Santos, pero hoxe en día vense celebrando entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, se ben en Ourense asociouse co patrono da diocese, San Martiño, e celébrase o once.
Deixamos a descrición dos magostos a Florentino L. Cuevillas coa continuación do seu texto "O outono en Galicia" do libro Prosas galegas cuxa primeira parte xa reproducimos na entrada titulada "Outono literario III":

"Nesta paisaxe pintada polo outono e cuberta moitas veces por un ceo embazado, sobe dereito o fume dos magostos. Acéndense as fogueiras nos piñeiros, ó pé dunhas penedas, baixo das ponlas aínda non espidas dos carballos e dos castiñeiros; e derredor delas, a rolda de mozas e mozas agarda e troulea.
Ásanse as castañas na fogueira, as pobres castañas, que caeron dende a boca pasmona dos ourizos, para morreren "no lume" coma se fosen bruxas endiañadas; as pobres castañas tan vergoñentas e asisadas, que astra que están mortas non se deixan tirar do corpo a derradeira das súas túnicas. Agardan os mozos e as mozas, namentres arde o lume, e rin e falan e cantan; e unha cántiga vai dereita a un corazón, outra cae ós tombos polo monte embaixo, e outra aínda, queda presa nos pinchos dun toxo. (...)
Dirédesme que os follatos murchos das viñas son sinal de morte que o inverno trae consigo. Dirédesme que o magosto é o final do froito dos castiñeiros; e teredes razón; mais teredes que confesar que as viñas trocadas en xardín son ben belidas, e que as castañas se queiman entre risas e entre amores. Porque na nosa terra, astra a morte ten engado.
E se non o credes, vinde ver a Galicia, no mes de San Martiño."
Recursos de interese sobre o magosto:
Recursos para o magosto. 
Outono: materiais e recursos. Recompilación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 
O magosto no noso centro.
Chegou o outono. (Actividades de Educación Infantil e Primaria do noso centro).


Créditos da fotografía aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.