«A súa presenza destilaba o mesmo que a súa poesía: delicadeza e verdade.»
Francisco Castro
Hoxe soubemos do pasamento da poeta Luz Pozo Garza. Luz naceu en Ribadeo preto do mar, dese mar sempre tan presente na súa poesía, o 21 de xullo de 1922.
Amei a mar de Vigo.
Amei a luz que modifica a doctrina dos astros
a total curvatura que da unidade ás formas
cando a badía nace cada mañá
e ti agardabas.
Foi o móbil primeiro
Luz Pozo Garza. Códice Calixtino
O páxaro na boca, Códice Calixtino, Vida secreta de Rosalía... Libros de poesía intimista no que o amor vitalista e a saudade se van sucedendo no tempo simbolizados pola luz e a sombra.
De balde fora o devecer aquel.
A pregunta sen eco que ten forma de enigma.
Aló calara a chuvia
onde o tempo semella unha curva implacábel.
Luz Pozo Garza, Concerto de outono
A poesía de Luz era unha poesía tamén na que a Música tiña un importante papel.
Aquel vello piano noite e tempo
de madeiras exóticas que cercaban a infancia
conserva a transparencia do primeiro Chopin
nun reino fuxitivo onde pasan as sombras en claves sucesivas.
Luz Pozo Garza, Códice Calixtino
Mais falar de Luz Pozo Garza é falar tamén da ensaísta, da directora da revista Nordés, da profesora que achegou a literatura a tantos alumnos e alumnas coma Manuel Rivas:
«Con ela chegaba unha estación nova; entraba na clase tranquilamente a primavera»
Manuel Rivas
- Luz Pozo Garza na Biblioteva Virtual Galega.
- Luz Pozo Garza no blogue Versos e Aloumiños.
- Videoteca no Centro de Documentación de AELG.
O ar semellaba unha camelia branca
que se tornase en chuvia en sombra en pura ausencia.
Luz Pozo Garza, Códice Calixtino
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.