Centro

viernes, 2 de diciembre de 2016

Todo o tempo do mundo

E así ía lendo o mundo coma se lese un libro, ou fose lendo unha rúa da vila. Sempre me gustou ler as rúas, foi o que máis me gustou de aprender a ler: ler as rúas, os carteis dos comercios, mil cousas. Pero ninguén me ensinara a escoitar.
David Pérez Iglesias, Todo o tempo do mundo

E Ariadna aprenderá a escoitar da man do seu avó nesta novela de David Pérez Iglesias (responsable da canle de vídeos SonCine) con ilustracións de Marcos Viso. Pero, deixemos que sexa o seu autor o que nos presente a obra coa que, por certo, gañou a XXXI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil:

«Un libro é un camiño. Desexar que o camiño non remate, que te acolla e chame polo mellor de ti. Verte ensarillado nos camiños que outros andaron. Repousar nas encrucilladas coas outras historias. Porque ese é o noso relato e a nosa herdanza. O que di que estivemos aquí, e que o noso estar aquí tivo desexo e sentido, que non nos acovardamos, que andamos o treito que tocou, e que o camiño segue despois de nós.»
 
«Se da man destas palabras algunha meniña á volta da escola, ou algún patrón canso, ou unha traballadora alertada polas inseguridades da vida, comparten a emoción do encontro coa terra, a valentía da infancia, a convicción do que é xusto, a dignidade da palabra, a aperta confiada do idioma que nos deron, a nobreza da necesidade, eu terei feita a miña labor.»

 «Todo o Tempo do Mundo é unha novela sobre a perda e o descubrimento. Unha nena que volve á aldea dos seus pais, onde xa só vive un avó que apenas coñece. Unha aldea no límite da desaparición, ameazada polas canteiras e o despoboamento. Nela cada xesto cotián ten a reverberación do único, do esencial. Da man do seu avó Valente, Ariadna abre os ollos a un mundo que é por ultima vez e a unha maneira de camiñar pola vida que durará sempre.» 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.