Centro

viernes, 28 de febrero de 2014

Tempo de Entroido


Chega o entroido, antroido ou carnaval e case sen decatarnos xa estamos abandonando o inverno e entrando na primavera. Pero, non queremos escribir sobre a próxima primavera, senón sobre esa época do ano na que as orellas, as filloas, os cocidos (coa cachucha do porco, os grelos e os chourizos) se fan donos das nosas mesas e os disfraces son o eixo da nosa vestimenta: o entroido, antroido ou carnaval.
Entroido ou antroido derivan do latín introitus” que significa entrada, posto que o entroido sinalaba o inicio da Coresma. Por outra banda, a palabra carnaval procede, segundo explica Joan Corominas no seu Breve diccionario etimológico de la lengua castellana (dicionario cuxo uso nunca nos cansaremos de recomendar) da palabra italiana carnevale e esta de carnelevale, alteración de carnelevare, palabra composta de carne e levare 'quitar'. Ou sexa, que a orixe de carnaval sería unha expresión que significaba “quitar a carne”, unha alusión ao comezo do xexún da Coresma. Esta palabra comezou a ser de uso común en castelán, segundo o mesmo autor a partir do século XVII, xa que ata aquela época a palabra utilizada era carnestolendas, que provén do latín carnes tollendas cuxo significado era 'carne que se deixa´ e aludía, polo tanto, tamén ao comezo da Coresma. Por certo Las carnestolendas é o nome dun entremés de Pedro Calderón de la Barca no que un dos personaxes afirma: “Oh, loco tiempo de las Carnestolendas...”
Mais, imos ao conto, coma se di coloquialmente, recomendándovos unha serie de libros sobre estas datas. Empezamos cunha breve introdución ao entroido que atoparedes no libro As festas rituais de Galicia (Edicións Lóstrego). Continuamos con outro libro breve, O entroido galego de Federico Cocho (Edicións A Nosa Terra) e rematamos cunha novela, para 3º e 4º  de ESO, de Ánxela Gracián titulada Eu tamén fun peliqueiro de Laza (Everest). Rematar, rematar, non... porque non podemos esquecer a receita das saborosas orellas, un dos doces máis típicos desta época, que nos ofrece Agustín Fernández Paz no seu libro O rastro que deixamos.
En calquera caso, se desexas saber máis sobre estas festas, poderás atopar máis información neste enlace e nestoutro.

Orixe da foto: http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Cigarron_1_verin_jpereira.jpg

miércoles, 26 de febrero de 2014

martes, 25 de febrero de 2014

Máis actividades do Día de Rosalía: visita de Ana Hermida

Ana Hermida visitounos para homenaxear a Rosalía co seu espectáculo "Tecín soia a miña tea" no que dramatiza diversos poemas de Rosalía. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fíxose eco da súa visita na que nos fixo chegar á Rosalía reivindicativa, pero tamén nos amosou unha Rosalía máis inédita, a Rosalía máis divertida.

lunes, 24 de febrero de 2014

Día de Rosalía

Este ano queremos celebrar o Día de Rosalía lembrando Follas novas. Se desexas ver en que consiste a nosa homenaxe preme aquí. Por outra banda, no sitio temático das Bibliotecas Escolares atoparás as interesantes actividades que se desenvolveron e se desenvolven para conmemorar esta data.
No blogue "Son de poetas" podes atopar versións musicadas dalgúns dos poemas máis coñecidos de Rosalía: "Adios ríos, adios fontes", "Maio longo", "Negra sombra", Alborada, etc.

viernes, 21 de febrero de 2014

Día Internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna, que foi establecido pola UNESCO en 1999, celébrase anualmente o 21 de xaneiro. Este ano o tema central elixido para conmemorar esta data é o seguinte: "As linguas locais e a transmisión do coñecemento científico".
A directora da UNESCO, Irina Bokova, vén de facer pública unha mensaxe con motivo desta celebración na que afirma:
" A protección e a promoción das linguas maternas son esenciais para a cidadanía mundial e para lograr un auténtico entendemento mutuo. Entender e falar varias linguas facilita a comprensión da riqueza de interaccións culturais do noso mundo. O recoñecemento das linguas locais permítelle a un maior número de persoas facer oír a súa voz e participar activamente no destino colectivo. Por iso é polo que a UNESCO fai todo o posible por contribuír á coexistencia harmoniosa das 7.000 linguas que se falan no mundo."


Parabéns aos premiados no Concurso Galego de Robótica

Como todos xa sabedes, tres alumnos do noso centro veñen de resultar gañadores na sexta edición do Concurso Galego de Robótica organizado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) coa colaboración da Fundación Barrié de la Maza.
Moitos parabéns!

miércoles, 19 de febrero de 2014

A lus do mundo

Hoxe celébrase o centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro a quen, como todos xa sabedes, se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A biblioteca do IES Díaz Castro de Guitiriz ofrécenos uns moi interesantes materiais para lembrar esta data, entre os que figura o documental A lus do mundo.