Sabemos que este é un tema que vos interesa e xa temos escrito sobre el; por iso, hoxe deixámosvos un enlace coa axencia Europa Press sobre os nomes e apelidos máis habituais en España. Se queredes saber máis, agardámosvos onde o mundo se chama biblioteca ou ben podedes consultar a Estatística do Padrón Contínuo do Instituto Nacional de Estadística.
Polo demais, deixámosvos un fermoso poema "antroponímico": "Xaneiro, 1972". Deste poema, que Celso Emilio Ferreiro lle dedicou á súa dona, fixéronse numerosas versións musicais.
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a esperanza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.
Celso Emilio Ferreiro, Onde o mundo se chama Celanova
Se queredes escoitar a versión que realizou a cantante María do Ceo premede aquí e se queredes coñecer outras versións atoparédalas en Son de poetas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.