Centro

jueves, 27 de marzo de 2014

Quincena da Poesía VIII

A poeta polaca Wislawa Szymborska, galardonada co Premio Nobel en 1996, é unha das voces poéticas máis importantes da segunda metade do século XX. Hoxe queremos lembrar un dos seus máis famosos poemas, "Nada dúas veces", traducido ao galego por Lucía Caeiro na antoloxía Versos escollidos publicada por Positivas:
Nada dúas veces

Nada sucede dúas veces
nin vai suceceder. Por iso
sen experiencia nacemos
e sen práctica morremos.

Inda na escola do mundo
sendo alumnos moi burráns,
non imos nunca repetir
ningún inverno nin verán.

Ningún día será o mesmo,
non hai noites similares,
nin hai dous beixos idénticos,
dúas miradas semellantes.

Onte, cando o teu nome
dixeron á miña beira,
foi como se unha rosa
caese pola xanela.

Hoxe, cando estamos xuntos,
volvín á parede a cara.
Rosa? Que semella a rosa?
É flor? Ou pedra se cadra?

Por que ti, hora ruín,
te mesturas con van medo?
Es, logo tes que pasar.
Pasas, logo isto é belo.

Riseiros, medio abrazados
tentaremos do acordo a busca,
inda sendo tan distintos
como gotas de auga pura.
No seguinte vídeo poderás escoitar unha das moitas versións musicais que tivo na súa lingua orixinal, o polaco, o poema.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.