Centro

miércoles, 4 de marzo de 2015

Helena Villar Janeiro visítanos

Mañá recibiremos a visita da escritora Helena Villar Janeiro que nos presentará o seu libro Remontar o río, un  libro despregable en doce metros de papel no cal a poesía de Helena Villar Janeiro se combina coas ilustracións de Luz Darriba.
A escritora confesa que concibiu o libro, dedicado á súa nai Helena e a súa neta tamén así chamada, mentres subía polo río Danubio de Budapest a Linz. Remontar o río é un poemario no que o río, símbolo da vida na poesía, se converte en tema poético máis tamén en motivo de evocación da xuventude simbolizada no valse e a rosa. E sempre a presenza da música, especialmente Vivaldi, porque non en van As catro estacións do músico italiano, simbolizan claramente nel as etapas da vida.
Grazas a Helena por este poemario vital e evocador. Grazas a Luz Darriba polas ilustracións e grazas ás dúas por este libro, fermoso por dentro e por fóra.
Amor esa palabra
Xogando coas palabras nun insomnio
atoparás AMOR.

Amor é a palabra máis grande e misteriosa,
a única palabra para repetir sempre,
a que fixo tremer as paredes dos labios,
a que pode crebar os diques do teu sangue.

Amor, esa palabra,
que salta áxil do silencio á fuga
e que fixo imposible versos sen elexía.

Foi amor a palabra que te entregou á luz,
para que desfixese todos os teus contornos,
a que aflorou a dor
gardada na esperanza e na beleza.

Amor, esa palabra,
dona de bágoas, risas,
acougo, desconcerto,

desencanto, paixón,
a que converte as lágrimas
en viño metafórico
e o viño en amargura.

Amor era a palabra que escondían
xuntos o vals e a rosa e que rozou
os brancos almidóns e o encaixe virxe.

Amor é a palabra que tamén aparece
pregada entre unha saba ou un mantel
tinxida de cor sepia nun retrato,
feito olor na corola dun xasmín
e nas notas do merlo
que abre as portas do día ou se despide.
Helena Villar Janeiro, Remontar o río

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.