Centro

viernes, 9 de diciembre de 2016

E na biblioteca... arte II. Mulleres do silencio

Coñecemos, a través de Cultura Galega, unha interesante exposición no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo: Mulleres do silencio.

Este proxecto, que reúne preto dun centenar de obras,  percorre diferentes xeracións de artistas ata a actualidade. Rosario Sarmiento, comisaria da exposición, escribe no texto curatorial desta:

A historia da arte occidental foi construíndo durante séculos os seus propios códigos, favorecendo o protagonismo da figura do creador masculino e excluíndo as mulleres dos principais movementos que conforman a historia da arte occidental. Esta visión da historia da arte como un discurso parcial e nesgado foi investigada por historiadoras como Linda Nochlin que en 1971, no xa considerado texto fundacional da crítica artística feminista, se preguntaba "Por que non houbo ao longo da historia grandes mulleres artistas?". Con iso non facía máis que formular no territorio artístico unha cuestión que se podía aplicar a calquera outro ámbito social ou cultural. A inexistencia de mulleres artistas non era consecuencia da súa propia natureza, senón do papel que ao longo da historia lle asignara a sociedade. Deste xeito, será a partir dos anos setenta do pasado século cando se inicie a construción/reconstrución dunha historia paralela que poñía en tea de xuízo a propia historia da arte e a súa valoración do traballo das mulleres artistas, relegadas a ser simples obxectos en lugar de suxeitos activos. 
Rosario Sarmiento

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.