Aínda que non chegou o mes de San Martiño, novembro, non nos resistimos a traer hoxe aquí uns anaquiños de "O outono en Galicia" das Prosas galegas de Florentino López Cuevillas:
"Vide a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver como se murchan os follatos das cepas. Vide a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver fumega-los lumes dos magostos.
É nas ribeiras da nosa terra, onde o outono pinta os seus cadros. Son, primeiro, só uns lixos roxos que estouran entre as viñas como estouran os foguetes no medio da noite; e veñen logo, outros lixos marelos e mourados e verdegados; e deseguida, onde había antes unha viña, hai agora un xardín. E os xardíns xorden axiña, preto e lonxe. Hainos pequerrechos, case coma un pano, mais de tal xeito ledos nas súas cores, que os piñeiros que os rodean quédanse pampos ó miralos. Hai outros que se tenden polas ladeiras estesas e que semellan tapices persas, que un mago do Irán fixese nacer para afuxenta-la súa morriña. E hainos que baixan polos cadoiros dun río de crisantemos."
Florentino L. Cuevillas, Prosas galegas, Galaxia
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.