Centro

viernes, 10 de abril de 2015

Feliz IV Centenario Don Quijote II

En 1992 publicouse a tradución en lingua galega da obra cervantina, nunha edición especial de 300 exemplares ilustrada por algúns dos máis coñecidos pintores galegos, co título de O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha. En 2005, co gallo do cuarto centenario da saída do prelo do primeiro tomo publicouse unha edición actualizada.
Os vínculos da obra cervantina con Galicia e a literatura galega son numerosos.  De feito, a segunda parte da obra está dedicada a Don Pedro Fernández de Castro y Andrade, VII conde de Lemos e coñecido mecenas de escritores da época entre os que non só figura Cervantes, senón tamén Góngora, Quevedo e Lope quen foi seu secretario. Don Pedro ostentou, entre outros moitos cargos (Presidente do Consello de Indias, Vicerrei de Napoles, etc.), o de Alguacil Maior do Reino de Galicia e foi un firme defensor da reivindicación do voto en cortes como amosa a súa obra El búho gallego haciendo cortes con las demás aves de España (un opúsculo apoloxético de Galicia escrito, na opinión dalgúns estudosos, non só con este fin senón tamén co de mellorar a imaxe de Galicia). Así o lembraba Manuel Murguía:

"Entre os seus ningún sentiu como el as desgrazas de Galicia, ningún que de mellor vontade desposásese coas súas esperanzas nin se doese tanto das súas inmerecidos infortunios. A súa pluma, a súa palabra, a súa influencia, as súas riquezas, todo púidoo ao servizo do país galego. Só por iso debe sernos sacra a súa Memoria."



Álvaro Cunqueiro sentía unha especial fascinación por un personaxe que aparece na segunda parte de Don Quijote: o Cabaleiro do Verde Gabán. Non é sorprendente, pois este cabaleiro deu moito que escribir, especialmente polo seu suposto erasmismo que  o hispanista francés Marcel Bataillon defendía fronte a outras voces prestixiosas, coma a de Américo Castro, que se ben afirmaba estar convencido da profunda influencia da obra de Erasmo en Cervantes e no Quijote, non a apreciaba neste personaxe. En calquera caso, Cunqueiro amosa fascinación, como vimos de escribir, polo do verde gabán a quen no libro Teatro venatorio y coquinario gallego, escrito con J.M. Castroviejo, fai recibir a uns cazadores amigos na súa casa. Porén, a influencia cervantina en Cunqueiro percíbese noutras das súas obras coma en As crónicas do Sochantre, onde parodia o recurso cervantino do manuscrito encontrado.  O influxo cervantino na obra do mindoniense é pois, clara e evidente, tal e coma o profesor Xoán González-Millán ten amosado en numerosas ocasións.
Se queres ler o capítulo I da novela inmortal de Cervantes traducida ao galego, preme aquí e nós, coma sempre, agardámoste onde o mundo se chama biblioteca.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.