Manuel María dedicoulle numerosos textos á súa vila natal: Outeiro de Rei. Así a lembra en A tribo ten catro ríos:
No lugar en que comeza ou remata a Terra Chá -pois nunca se sabe e depende de a onde se vaia ou de onde se veña- hai unha vila que se chama Outeiro de Rei. (...)
O caso é que Outeiro de Rei, no comezo da súa vida, tivo tres ríos: O Pai Miño ou Río Grande, que vén atravesando toda a Terra Chá, ancho, solemne, vagaroso, recreándose ao ollar a beleza das súas propias ribeiras. O Ladra, de augas tépedas, que baixa estabourozando entre árbores, para morrer no Miño. O río Ladra morre murmurando porque sabe que morrer é o remate natural de cada vida e el non lle ten medo á morte. As súas augas cantareiras non desaparecen: mestúranse coas do Río Miño para lles dar un pouco máis de alegría. E finalmente o Río Pequeno, Río de Robra ou Santa Marta, que dos tres xeitos se chama.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.