Centro

lunes, 10 de febrero de 2014

Cen anos de Pergamiño Vindel

A web da RAG lémbranos que neste mes de febreiro se cumpren cen anos dun achado fundamental na historia da lírica galego-portuguesa medieval: o Pergamiño Vindel. 
O Pergamiño Vindel, de finais do século XIII ou principios do XIV, foi descoberto por casualidade polo libreiro madrileño Pedro Vindel,  quen se decatou de que era a garda interior dun exemplar do libro De officiis de Cicerón. A práctica de utilizar pergameos medievais para encadernar libros posteriores era moi frecuente e ben coñecida por Vindel, como nos lembran na web da RAG.
O pergamiño contén as sete cantigas de Martin Codax, o coñecido xograr cantor da ría de Vigo, que probablemente foron compostas a mediados do século XIII. Estas xa eran coñecidas por conservarse noutros cancioneiros, non obstante a grande importancia do achado de Vindel vén dada por conter a notación musical de seis delas. 
Hoxe, o pergameo atópase na Biblioteca Pierpont Morgan de Nova York. Esta biblioteca, na actualidade coñecida coma Biblioteca e Museo Morgan, foi fundada en 1906 para almacenar a biblioteca de John Pierpont Morgan e atesoura numerosos manuscritos e incunables. Estes días acolle a exposición sobre O principiño de Saint-Exupéry que comentamos nunha entrada deste blogue o pasado martes.
Nesta semana na que inauguramos na entrada do edificio de secundaria "O tendal da poesía", no que pretendemos recoller os vosos poemas de amor preferidos ou ben creacións propias vosas, lembramos unha das cantigas máis famosas de Martin Codax, aquela na cal unha rapariga lle pregunta ás ondas do mar de Vigo polo seu amado. Por certo, no blogue "Son de poetas" podedes escoitar a súa versión musical.
Ondas do mar de Vigo,
se vistes meu amigo?
E ai Deus! se verrá cedo?

Ondas do mar levado,
se vistes meu amado?
E ai Deus! se verrá cedo?

Se vistes meu amigo,
o por que eu sospiro?
E ai Deus! se verrá cedo?

Se vistes meu amado,
por que hei gran coidado?
E ai Deus! se verrá cedo?
E se queredes saber algo máis sobre o achado de Vindel, recomendámosvos tamén un artigo de opinión publicado por Manuel Bragado o pasado 21 de xaneiro en El Faro de Vigo e a lembranza deste achado realizada pola TVG.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.