Luís Amado Carballo naceu en Pontevedra en 1901 e morreu nesta mesma cidade en 1927. En 1982 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Ao seu libro Proel, publicado en 1927, pertence este fermoso poema titulado "Madrigal a Marucha":
Cando o día anda a morrer
encol do mar amarelo
e furan os seus salayos
a verde seda do vento...
Asomareime aos teus ollos
para ollar o craro ceo.
Os teus ollos namorantes
que gardan a Lua dentro
na lágoa da miña alma
espallarán un luar tépedo.
O meu corazón a festa
repinicara algareiro.
Aos teus beizos frorecidos,
pombal de verbas amantes,
fan romaxe os meus amores
silandeiros e arelantes.
Na fonte da tua boca
bebín as miñas saudades.
No abrente da tua alma
o paxaro milagreiro
da miña ilusión vagante
aniñara no teu peito.
No limiar da tua alma
durmirase un bico tenro.
Recendentes caraveles
no serán da tua faciana
incensan as soedades
qu'en min deixara a lembranza.
Na cor das tuas meixelas
queimouse a miña añoranza.
Nas tuas mans pensativas
—santa almohada dos meus soños.—
o meu espíritu neno
acóchase con arrolo.
Os nardos das tuas mans
tecen meu lírico ensono.
O teu sonrimento neva
docemente no meu peito,
orballando craridades
con maino e levian concento.
Do fondo da miña vida
benzoache o meu silenzo.
A tua voz ateigada
de dourados agarimos,
pendura nas miñas mágoas
un resprandor cristaiño.
No salgueiro da voz tua,
frorece o meu dor amigo.
Lois Amado Carballo
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.