Centro

viernes, 28 de noviembre de 2014

IV Concurso Investigación e Ciencia

A biblioteca en colaboración cos departamentos de ciencias do centro organiza o IV Concurso Investigación e Ciencia para o alumnado de ESO do CPI de San Sadurniño. Este ano presenta unha soa modalidade: fotografía de tema científico. Atoparás as bases na nosa páxina web.
Anímate e participa!

Novembro de Ciencia III: mates, mates, mates... e webs

O curso pasado empezamos o noso "Novembro de ciencia" no blogue cun conxunto de entradas nas que enlazabamos blogues, páxinas webs e artigos, relacionados coa ciencia. Neste curso, ímonos dedicar ás matemáticas. 
Empezamos cun blogue que nos gusta moito: Mati y sus mateaventuras e co Pequeño LdN. Mati y sus aventuras (suplemento infantil e xuvenil da web Libro de Notas). Clara Grima, a súa autora e catedrática da Universidade de Sevilla, explicanos neste vídeo coma xurdiu a idea:


Novembro Mes da Ciencia en Galego XI: A NASA en galego

Atopamos na web GCiencia unha sección titulada "A NASA en galego" que nos permite acceder á versión galega  do Astronomical Picture Of the Day da NASA que ofrece unha fotografía astronómica diaria acompañada dun texto escrito por un astrónomo profesional. APOD Galego é unha das pezas da comunidade AstroGalicia, un espazo para astrónomos afeccionados.

 Non deixes de ver as espectaculares fotografías que nos amosan!

jueves, 27 de noviembre de 2014

Novembro de Ciencia II: mates, mates, mates... e o noso carabelo matemático

O noso carabelo matemático seguirá dispoñible ao longo deste mes e do próximo na sala de secundaria. Como sabedes, trátase dun cesto no que incluímos libros relacionados coas matemáticas e algunha revista de ciencia para levar á aula cando se considere oportuno.


miércoles, 26 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego X: Historias de Galicia

A serie Historias de Galicia, da TVG, proporcionounos interesantes e amenas achegas á historia de Galicia nos seus dezanove programas. No capítulo 18, "A causa das cousas", aproximounos á vida de tres científicos galegos: Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico de Galicia, impresa en 1845; Ramón María Aller Ulloa, o astrónomo ao que xa aludimos noutra entrada deste blogue e Cruz Gallástegui, creador dunha variedade nova de millo híbrido que permitiu mellorar o rendemento das colleitas.
O capítulo 15 da amentada serie titúlase "A forza das máquinas" e permítenos achegarnos á historia das máquinas en Galicia así como á súa industrialización.


Parabéns de novo

Temos que parabenizar ao alumnado e profesorado de ciencias do centro polos premios acadados en IGACIENCIA e en Galiciencia. Neste enlace da nosa web podedes atopar máis información.

martes, 25 de noviembre de 2014

Novembro de Ciencia I: mates, mates, mates... DivulgaMAT e Agapema

A web de Agapema, Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática, ofrécenos novas, actividades e recursos de interese.

"Lúas de outubro e agosto" de Guadi Gallego

Guadi Gallego pon hoxe á venda o seu segundo disco: "Lúas de outubro e agosto". Por certo, o videoclip da canción "Matriarcas", acadou un grande éxito en Youtube con preto de 15.000 visualizacións en só dous días. 

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Esta conmemoración foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 17 de decembro de 1999 a proposta da República Dominica. A data escolleuse en memoria das irmáns Mirabal.
Deixamos os enlaces con algúns recursos e actividades de interese sobre esta data:
Por outra banda, queremos lembrarvos que esta día daranse a coñecer os gañadores do concurso literario que con motivo desta data organizan o Concello e o EDLG do noso centro. 


lunes, 24 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego IX: libros

Seguimos hoxe con máis suxestións de libros en galego sobre ciencia. Empezamos con A ciencia no punto de Mira de Jorge Mira, unha divertida forma de achegarte á ciencia. Outros dous libros de moito interese son os de Xurxo Mariño: Os dados do reloxeiro: ciencia amena para mentes inquietas e Po de estrelas: novas receitas científicas de Os dados do reloxeiro. Os afeccionados á astronomía atoparán en Astronomía práctica de Ramón Vilalta respostas a moitas das súas preguntas. Igual que todo aquel alumnado que desexe coñecer o papel das mulleres na ciencia ten en As mulleres nas Matemáticas de Matilde Ríos e en Investigadoras galegas de Iolanda Fernández Casal dous libros esenciais. Coma sabemos que hai moitos alumnos e alumnas afeccionados ao origami, non queremos deixar de recomendarvos Papiroflexia de G. Chicharo Valencia e S. Muñoz Campos, Papiroflexia. Iniciación e Papiroflexia. Animais de papel de Vicente Palacios.
Para os máis noviños e noviñas recomendamos A guerra dos números de Juan Darién, Once damas atrevidas de Oli e Helle Tomassen e A casa da mosca chosca de Eva Mejuto e Sergio Mora...
Se queres coñecer máis libros de ciencia en galego, preme neste enlace da "Recopilación de materiais de ciencia en galego" das Bibliotecas escolares de Galicia e accederás á unha ampla selección.
En fin, agardámosvos onde o mundo se chama biblioteca.



viernes, 21 de noviembre de 2014

Premio Sustentabilidade e Paisaxe

Queremos felicitar aos responsables e participantes no programa do Plan Proxecta Sustentabilidade e Paisaxe do noso centro que veñen de recibir un premio. Preme aquí se queres saber máis sobre esta nova.
Parabéns!

Novembro Mes da Ciencia en Galego VIII: webs de ciencia

Hoxe queremos presentar algunhas webs de ciencia en galego. Empezamos con GCiencia, un portal de divulgación científica en galego, castelán e inglés que naceu o pasado ano. Código Cero  permiteche coñecer as novas e os eventos relacionados coa tecnoloxía e na web de Amtega, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, poderás atopar novas, documentos e eventos de interese relacionados coas TIC. Tamén de moito interese é a web da Real Academia Galega de Ciencias.
 Se queres coñecer máis webs de interese só tes que premer aquí para atopar unha ampla lista.

E non queremos esquecer a web de Galiciencia, a feira científica para estudantes na que algúns de vós vindes de participar, tal e como reflicte o Díario de Novas Tecnolóxicas de Galicia Código Cero. Por certo, deixámosvos un vídeo da feira da ciencia do ano pasado.
Parabéns aos participantes en Galiciencia e felices lecturas científicas e proveitosos experimentos para todos!

jueves, 20 de noviembre de 2014

Día do Neno

Hoxe, como sabedes, é o Día Oficial do Neno. A ONU celebra este día o 20 de novembro en conmemoración da aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno en 1959 e da Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989.
Deixámosvos algúns enlaces de interese sobre esta data:
E un vídeo que atopamos na web de UNICEF e que nos emocionou, porque nos lembrou como a súa protagonista mantén os seus soños malia a adversidade.

miércoles, 19 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego VII: os dicionarios

Presentamos hoxe dúas das ferramentas máis útiles sobre ciencia que atesoura a nosa biblioteca. Referímonos a dous dicionarios: Dicionario de física e Dicionario de quimica de Juan José Guillín Fraga, Antonio Varela Caamaño e Ramón Vilalta López. Nos seguintes enlaces podedes atopar máis información sobre estas dúas obras:
Ademais, temos a sorte de que un dos seus autores sexa membro da nosa comunidade educativa e de contar coa súa continúa colaboración coas actividades da biblioteca!


martes, 18 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego VI: as científicas

O Álbum da ciencia é unha interesante web, da que xa temos falado, que nos permite achegarnos á vida dos científicos e das científicas galegas. Así, a través deste álbum coñecerás a vida e obra de María Josefa Wonenburger, prestixiosa matemática que desenvolveu a súa investigación na rama da álxebra; das médicas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, as primeiras mulleres licenciadas nunha universidade galega, concretamente na USC a única existente na época; de Ángela Ruíz Robles, que patentou unha enciclopedia mecánica que se pode considerar como precursora dos libros electrónicos, etc..
O Álbum de Mulleres tamén nos permite coñecer ás biografías de científicas coma Angeles Alvariño, unha ferrolá precursora na investigación oceanográfica mundial ou Antonia Ferrín Moreiras, matemática e astrónoma ourensá, así como entender o papel das mulleres no Seminario de Estudos Galego.
En fin, se queres saber máis sobre as científicas galegas recomendámosche unha interesante obra composta por dous volumes de Iolanda Casal titulada Investigadoras galegas, no cal a autora dá voz a varias científicas galegas.

GaliciaLe

Os días 7 e 8 de novembro, nas V Xornadas das bibliotecas escolares de Galicia, coñecimos mellor a recén creada plataforma GaliciaLe, a plataforma de  préstamo de libros electrónicos das bibliotecas públicas galegas. Se queres saber máis sobre esta iniciativa preme aquí.

viernes, 14 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego IV: Funes, o inventor da lúa

En GCiencia atopamos a nova do estreo dun documental sobre Eugenio Funes, un inventor galego que chegou a traballar para a Nasa: Funes, o inventor da lúa. Enrique Otero lembra neste documental a figura deste home, nacido en Quiroga (Lugo), que tivo un papel importante na carreira espacial.
Se che interesa a súa figura neste enlace podes atopar máis información e nestoutro poderás escoitar unha entrevista co director do documental.

jueves, 13 de noviembre de 2014

Lembrando a Carl Sagan despois da aterraxe de Philae

Aínda que sexa un pouco tarde, queremos unirnos á homenaxe do científico e divulgador Carl Sagan, quen tería cumprido 80 anos de estar vivo o 9 de novembro e quen, con seguridade, tería estado moi contento onte.
Sagan fíxose mundialmente famoso a principios do 80 coa serie de televisión Cosmos, un prodixio de divulgación científica que aínda hoxe é lembrada por moitos pola súa rigorosidade e amenidade e que, por certo, podedes atopar na nosa biblioteca. Posteriormente, publicaría un libro co mesmo nome baseado na amentada serie documental.
Carl Sagan non só debe de ser un dos homes que máis vocacións científicas espertou na segunda metade do século XX, senón que tamén contribuiu a achegar á ciencia a todos os espectadores coa determinación que só podía ter un home que afirmou isto: "La ciencia no es perfecta, con frecuencia se utiliza mal, no es más que una herramienta, pero es la mejor herramienta que tenemos: se corrige a sí misma, está siempre evolucionando y se puede aplicar a todo. Con esta herramienta conquistamos lo imposible."
Onte unha vez máis fíxose certa esa afirmación de Sagan con Philae e a súa aterraxe no cometa 67P/Churyamov-Gerasimenko!

miércoles, 12 de noviembre de 2014

Un día histórico: Rosetta e Philae

Hoxe é un deses días que seguramente figurarán na historia, xa que por primeira vez un enxeño espacial creado polos seres humanos vai aterrar nun cometa. Trátase do módulo, Philae, da sonda espacial Rosetta (nomeada así en homenaxe á pedra de Rosetta que permitiu a Champollion descifrar os xeroglíficos exipcios) que foi lanzada o 2 de marzo de 2004 pola Axencia Espacial Europea (ESA).
A continuación deixámosche algúns enlaces de interese relacionados con tan importante e histórica nova:

martes, 11 de noviembre de 2014

Novembro de festas tradicionais II: o magosto

O magosto, a festa das castañas, xa está aí agora que chegou o mes de Santos, San Martiño ou novembro que das dúas formas se coñece en Galicia o undécimo mes do ano, aquel que no refraneiro popular aparece como "Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés", refrán por certo tamén existente en castelán como podes comprobar no Refranero Multilingüe do Centro Virtual Cervantes.
O magosto, é unha das festas do ciclo de outono, posto que, como sabes, en todo o mundo existen celebracións rituais asociadas aos cambios estacionais. Ademais, o Magosto é a festa da castaña, que foi o alimento básico en Galicia ata a chegada da pataca de América.
Tradicionalmente o Magosto celebrábase o primeiro día de novembro, festividade de Todos os Santos, pero hoxe en día vense celebrando entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, se ben en Ourense asociouse co patrono da diocese, San Martiño, e celébrase o once.
Deixamos a descrición dos magostos a Florentino L. Cuevillas coa continuación do seu texto "O outono en Galicia" do libro Prosas galegas cuxa primeira parte xa reproducimos na entrada titulada "Outono literario III":

"Nesta paisaxe pintada polo outono e cuberta moitas veces por un ceo embazado, sobe dereito o fume dos magostos. Acéndense as fogueiras nos piñeiros, ó pé dunhas penedas, baixo das ponlas aínda non espidas dos carballos e dos castiñeiros; e derredor delas, a rolda de mozas e mozas agarda e troulea.
Ásanse as castañas na fogueira, as pobres castañas, que caeron dende a boca pasmona dos ourizos, para morreren "no lume" coma se fosen bruxas endiañadas; as pobres castañas tan vergoñentas e asisadas, que astra que están mortas non se deixan tirar do corpo a derradeira das súas túnicas. Agardan os mozos e as mozas, namentres arde o lume, e rin e falan e cantan; e unha cántiga vai dereita a un corazón, outra cae ós tombos polo monte embaixo, e outra aínda, queda presa nos pinchos dun toxo. (...)
Dirédesme que os follatos murchos das viñas son sinal de morte que o inverno trae consigo. Dirédesme que o magosto é o final do froito dos castiñeiros; e teredes razón; mais teredes que confesar que as viñas trocadas en xardín son ben belidas, e que as castañas se queiman entre risas e entre amores. Porque na nosa terra, astra a morte ten engado.
E se non o credes, vinde ver a Galicia, no mes de San Martiño."
Recursos de interese sobre o magosto:
Recursos para o magosto. 
Outono: materiais e recursos. Recompilación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 
O magosto no noso centro.
Chegou o outono. (Actividades de Educación Infantil e Primaria do noso centro).


Créditos da fotografía aquí.

lunes, 10 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego III: Ramón María Aller Ulloa

Sabemos que algúns e algunhas tendes moito interese en saber máis sobre astronomía, polo que hoxe queremos lembrar a Ramón María Aller Ulloa, concretamente cun vídeo da serie "Historias de Galicia" da TVG no que se recorda a figura do famoso astrónomo galego natural de Lalín cuxo nome leva un IES da localidade.
Aller Ulloa fundou en 1943 o observatorio da USC (Universidade de Santiago de Compostela). Por outra banda, Don Ramón María foi un divulgador e un reivindicador da obra de Jośe Rodríguez González, matemático e agrónomo homenaxeado este ano no V Día da Ciencia en Galego, lalinense coma el.

viernes, 7 de noviembre de 2014

Novembro Mes da Ciencia en Galego II

Na anterior entrada deste blogue incluímos o manifesto do coñecido científico Angel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela.
Hoxe queremos deixarvos unha interesante entrevista con el no programa Conexións da TVG.



jueves, 6 de noviembre de 2014

V Día da Ciencia en Galego e Novembro Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Este ano as figuras  elixidas para homenaxear no V Día da Ciencia en Galego  son Isaac Newton e José Rodríguez González. Por outra banda, dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. Este ano iníciase a celebración cun manifesto do coñecido científico  Angel Carracedo (catedrático de Medicina Legal e experto en xenética) e unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia en galego.
Nesta última web podes atopar catro dos blogues do noso centro (E ti ¿sustentas?, Meteonsansa, Proxecto Río Xuvia e Arrancando con biodiesel) na sección de blogues, así coma unha referencia ás entradas relacionadas coa ciencia en Bibliosansa na sección "A ciencia nas bibliotecas escolares (1)".


miércoles, 5 de noviembre de 2014

Outono literario IV: Juan Ramón Jiménez

Continuamos este feixe de entradas sobre o outono con Juan Ramón Jiménez:

OTOÑO
Esparce octubre, al blando movimiento
del sur, las hojas áureas y las rojas,
y, en la caída clara de sus hojas,
se lleva al infinito el pensamiento.

Qué noble paz en este alejamiento
de todo; oh prado bello que deshojas
tus flores; oh agua fría ya, que mojas
con tu cristal estremecido el viento!

¡Encantamiento de oro! Cárcel pura,
en que el cuerpo, hecho alma, se enternece,
echado en el verdor de una colina!

En una decadencia de hermosura,
la vida se desnuda, y resplandece
la excelsitud de su verdad divina.

Juan Ramón Jiménez

lunes, 3 de noviembre de 2014

Novembro de medo: "O lobo da xente"

Vicente Risco escribiu un conto de medo titulado "O lobo da xente: lenda galega" publicado na revista Lar en 1925 e baseado nas lendas de lobishomes, chamados en galego "lobos da xente" que escoitou contar. Este comeza co protagonista recollendo castañas nun souto...
Na nosa biblioteca podes atopar, ademais do relato de Risco, unha adaptación libre deste de Xosé Manuel Moxom. Por outra banda, deixámosvos tamén unhas recomendacións interesantes para o segundo ciclo de ESO sobre lobos e lobishomes: O lobishome de Candeán de Paula Carballeira e Pel de lobo de Xosé Miranda. Outro título de interese relacionado con este tema A herdanza do Marqués de Conchi Regueiro.