Centro

domingo, 22 de diciembre de 2013

Neira Vilas visitounos

O pasado xoves 19 de decembro Xosé Neira Vilas estivo con nós presentándonos o seu último libro Aquel neno publicado en Edicións Embora. O libro, con fermosas ilustracións de Xosé Vizoso, está composto de 160 textos nos que o autor rememora a infancia "dun neno pobre dunha aldea galega dos anos 30 e 40 do século que se nos foi". Co gallo da súa visita elaboramos un díptico en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega no que podes atopar máis información sobre Aquel neno e o seu autor.
Moitas grazas a el e a todos os que fixeron posible esta visita, que non tería sido posible sen a colaboración da Biblioteca Pública Municipal.



viernes, 20 de diciembre de 2013

jueves, 5 de diciembre de 2013

Blog "E ti sustentas?"

Xa coñecedes todos a Vidriolo, Taponchu, Plastichín, Pili, Compos, Comilón, Cartunez, Claki e Cartinta, así que só nos queda desexar que todos reciclemos moito e darlle os parabéns ao novo blog: " E ti sustentas?".

miércoles, 4 de diciembre de 2013

In memoriam Fernando Argenta

Fernando Argenta, un dos grandes divulgadores da música clásica, faleceu onte aos 68 anos. Fillo do director Ataúlfo Argenta, cursou estudos superiores de música e licenciouse en Dereito. Compatibilizou os seus estudos coa participación nun grupo de pop que abandonou no ano 1965.
A comezos dos setenta comezou a traballar en Radio Nacional de España. Dende os anos finais desta década presentou o programa "Clásicos populares", cuxa emisión ininterrompida durante 32 anos (do 1976 ao 2008) o converte nun dos máis duradeiros programas radiofónicos de RNE. Os "clásicos populares" supuxéronlle unha oportunidade para manifestar a súa prodixiosa capacidade de divulgación da música clásica, que tanto amaba, combinando a erudición, co humor e cun enorme sentido do espectáculo.
O talento divulgativo de Fernando Argenta quedou de novo manifesto cando asumiu a dirección e presentación do programa de televisión "El conciertazo.
Sit tibi terra levis!

martes, 3 de diciembre de 2013

miércoles, 27 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia VIII: Guía de suxestións "Ciencia e literatura"

Podedes atopar na nosa web unha guía de suxestións de lectura que agardamos que vos guste. Xa sabedes: esperámosvos onde o mundo se chama biblioteca.





Novembro de Ciencia VII: as nosas guías de suxestións e outros materiais

O longo destes catro últimos anos elaboramos numerosas guías de suxestións lectoras sobre a ciencia: "De ciencia e con ciencia", "Naves en chamas máis alá de Orión", "Isto é curioso", "Tolos pola ciencia", "Mulleres e ciencia" e "Ciencia e literatura".
Ademais conmemoramos o Día Internacional da Muller do 2013 cun especial dedicado a Rita Levy-Montalcini.
Felices lecturas científicas!


martes, 26 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia VI: as mates, os Simpsons e...

Xa sei o que pensarás cando leas estas liñas: que título tan sorprendente para unha entrada do blog! Pois, non é así, xa que a coñecida serie televisiva contén numerosas referencias matemáticas, como podes comprobar nesta interesante reportaxe do xornal La Tercera e neste artigo de Simon Singh.
As webs e blogs dedicadas á divulgación matemática son numerosas, nós ímosche deixar dous enlaces moi interesantes: Divulgamat e AGAPEMA.

O 40 aniversario

O vindeiro 10 de decembro celebramos o 40 aniversario. Na nosa web poderás atopar as actividades programadas para tan especial ocasión.
Feliz aniversario!


lunes, 25 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia V: a ciencia nos medios de comunicación

Os medios de comunicación ofrécennos moitas oportunidades para adentrarnos no mundo da ciencia. Así, son numerosos os xornais que teñen unha sección dedicada á ciencia e á tecnoloxía. Por outra banda, tamén atopamos programas e novas na radio e televisión sobre estes temas, coma por exemplo na RNE, na TVE e na CRTVG. Ademais, as webs das televisións fornécennos de información científica e tecnolóxica, por exemplo a BBC: ciencia e tecnoloxía.

viernes, 22 de noviembre de 2013

Fina Casalderrey

A escritora Fina Casalderrey le hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Fina Casalderrey é unha das escritoras galegas máis recoñecidas dentro do eido da literatura infantil e xuvenil. Entre as súas obras figuran: Dúas bágoas por máquina, ¡Asústate Merche!, O misterio dos fillos da Lúa, ¿Sobrevives?, etc..
Hoxe, nunha entrevista que a escritora lle concedeu ao xornal La Voz de Galicia, puidemos ler estas palabras súas, que resumen, dalgún xeito, a súa obra literaria:
"O importante é que aprendan a gozar da palabra, da forza dabondo que ten para trasladalos a outros mundos descoñecidos. Os valores reais que mellor podes transmitir cando escribes son os que ti tes de verdade gravados, tatuados na alma. O resto é finxido. Cando se comezou a facer literatura para rapaces partiu das escolas, desa necesidade de textos para que puidesen ler, non con simpleza, con sinxeleza, con palabras claras. Nun principio, entendíase que había que transmitir isto, que ensinar isto outro, cunha utilidade fora do que é a literatura. Non ten por que. Chégalle ben con que sexan historias fermosas contadas da maneira máis bonita."
Parabéns a Fina Casalderrey e mentres agardamos que saia do prelo outro dos seus libros, podedes consultar nos nosos catálogos os que temos na biblioteca nas salas de EI e EP e na da ESO.

martes, 19 de noviembre de 2013

Elena Poniatowska, Premio Cervantes 2013

A escritora e xornalista mexicana Elena Poniatowska vén de recibir o Premio Cervantes 2013. Elena, que naceu en Paris no ano 1932, é autora dunha extensa obra literaria que abrangue a narrativa, a poesía e o teatro.
Por outra banda, neste mes da ciencia, non podemos esquecer que a mexicana é autora dunha novela titulada La piel del cielo protagonizada por un astrónomo, Lorenzo de Tena, quen dende ben pequeno se interesou polos misterios do universo e puxo os seus ollos nas estrelas.

Créditos da fotografía:
http://es.wikipedia.org/wiki/Archivo:Elena_Poniatowska.JPG

Novembro de Ciencia IV: Galiciencia

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra en Galicia. Este ano preséntanse nela 50 inventos realizados por equipos de estudantes de secundaria e Formación Profesional. Nesta edición, tamén se suma á conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga.

lunes, 18 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia III

A web do SINC, Servizo de Información y Noticias Científicas, ofrece reportaxes, novas, entrevistas e materiais audivosuais relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Ademais, permítenos acceder a numerosos enlaces de interese relacionados coa ciencia e ao blog "Amigos de la Ciencia" da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
Outra web de moito interese é a do CSIC, Centro Superior de Investigaciones Científicas, onde podemos atopar enlaces coas webs dos centros que forman parte deste e tamén con webs temáticas e didácticas.

jueves, 14 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia II: científicos galegos

O Álbum da Ciencia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que pretende contribuír "ao fomento da cultura científica da sociedade por medio da difusión do labor desenvolto polos científicos-as máis sobranceiros da historia de Galicia". Podemos atopar nel, por exemplo, a lembranza das irmáns Elisa e Jimena Fernández de la Vega, as primeiras mulleres que acadaron unha licenciatura, en Medicina concretamente, na Universidade de Santiago de Compostela.
O Álbum tamén nos fornece de información sobre outros destacados científicos como Ramón María Aller Ulloa, Domingo Fontán e Cruz Gallástegui que protagonizan o documental "As causas das cousas" da serie Historias de Galicia, producida pola TVG. 
Por certo, o mapa elaborado por Domingo Fontán, o primeiro mapa topográfico é científico de Galicia, ten un importante papel na novela Arredor de si do escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo, o cal conservaba na súa casa de Trasalba unha das escasas copias orixinais deste. Lembremos como o protagonista, Adrián, redescobre o mapa:
"Non á dereita, á esquerda, un pouco ao norte”. A vela alumou longamente un nome e o sitio de Compostela. Adrián lía nomes de montes, de ríos, de pobiños, de ermidas. A luz ía seguindo o trazado dos camiños.

Naqueles instantes estraños e fondos figuraban lucir no mapa agras marelas de centeo, ermos vestidos de flores de toxo e de piorno, serras penedosas, campanarios barrocos, xente que vai polos carreiros aos muíños e ás feiras, verdeceres de camposantos, fuxir de augas, praias dourada, galgar de ondas nos cons, velas que saen roselando o mar, orballeiras sobre as arboredas mestas, rúas de vellas cidades, soidades de esquecidos mosteiros."


miércoles, 13 de noviembre de 2013

Juan Mayorga, Premio Nacional de Literatura Dramática

O dramaturgo madrileño Juan Mayorga vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Dramática pola súa obra La lengua en pedazos. O xurado valorou "la lúcida y contemporánea visión dramática de la figura de una mujer como Teresa de Jesús, que supo llevar adelante sus convicciones a pesar de las presiones de su tiempo, con un tratamiento enraizado en lo mejor de la literatura castellana."
O autor afirmou que se trata dunha obra "sobre la libertad que se fragua en el conflicto de la palabra". 

martes, 12 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia I

Iniciamos hoxe unha serie de entradas nas que queremos comentar webs, libros e artigos de divulgación científica, aproveitando que é neste mes no que, como sabedes se celebra, a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía e o Día da Ciencia en Galego.
O CSIC, Consejo Superior de Investigaciones Científicas, participa na Semana da Ciencia con numerosas actividades que poderás atopar aquí. A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta na súa páxina enlaces con materiais para conmemorar o IV Día da Ciencia en Galego. Así mesmo, na páxina das Bibliotecas escolares de Galicia poderás atopar  enlaces con interesantes actividades e guías de lectura.


III Concurso Investigación e Ciencia

A biblioteca e os departamentos de ciencias do CPI de San Sadurniño convocan o III Concurso "Investigación e Ciencia", no cal poderá participar o alumnado de ESO deste centro. Atoparás as bases na nosa web.
Anímate e participa!

lunes, 11 de noviembre de 2013

Lembrando a Albert Camus

O pasado 7 de decembro celebrouse o centenario do nacemento do novelista, dramaturgo, xornalista e ensaísta francés Albert Camus. O escritor, nacido en Mondovi (Alxeria) no seo dunha familia de orixe alsaciana pola parte paterna e menorquina pola materna, recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1957.  Durante a recepción deste pronunciou un discurso no que afirmou:
"Personalmente, no puedo vivir sin mi arte. Pero jamás he puesto ese arte por encima de cualquier cosa. Por el contrario, si me es necesario es porque no me separa de nadie, y me permite vivir, tal como soy, a la par de todos. A mi ver, el arte no es una diversión solitaria. Es un medio de emocionar al mayor número de hombres, ofreciéndoles una imagen privilegiada de dolores y alegrías comunes. Obliga, pues, al artista a no aislarse; le somete a la verdad, a la más humilde y más universal. Y aquellos que muchas veces han elegido su destino de artistas porque se sentían distintos, aprenden pronto que no podrán nutrir su arte ni su diferencia más que confesando su semejanza con todos."
Palabras que recollen as principais características da obra dun home a quen nada do humano lle foi alleo, dun home que, pouco despois de recibir o Nobel, lle escribiu unha carta a un dos seus mestres en Alxeria na que con sinxelas palabras lle contaba a importancia que as súas ensinanzas e o seu exemplo tiveran na súa vida: "Pero cuando supe la noticia, pensé primero en mi madre y después en usted. Sin usted, sin la mano afectuosa que tendió al niño pobre que era yo, sin su enseñanza y su ejemplo, no hubiese sucedido nada de todo esto."
Créditos da fotografía: >http://es.wikipedia.or/wiki/Archivo:20041113-002_Lourmarin_Tombstone_Albert_Camus.jpg

viernes, 8 de noviembre de 2013

Caída de 5000 libros polo efecto dominó

Aquí atoparás un vídeo no que podes observar como máis de 5000 libros caen debido ao efecto dominó. Unha interesante forma de fomentar a lectura.

martes, 5 de noviembre de 2013

Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic

Miguelanxo Prado, o prestixioso autor coruñés de banda deseñada, vén de recibir o Premio Nacional de Cómic por Ardalén. O libro, editado en 2012 en galego (El Patito Editorial) e en castelán (Norma Editorial), tiña recibido xa o galardón á mellor obra de autor español no pasado Salón do Cómic de Barcelona.
Para o debuxante coruñés Ardalén "é unha historia arredor da memoria persoal. A memoria como esencia da nosa existencia, da percepción da nosa propia vida, da nosa identidade. Pode soar filosófico pero, ao final, trátase dun grupo de seres humanos que se axudan e se mancan uns aos outros, algúns chegan a quererse e todos se aferran aos seus recordos para intentar evitar o naufraxio."
Parabéns a Miguelanxo Prado polo máis que merecido premio.




viernes, 25 de octubre de 2013

José María Merino, Premio Nacional de Narrativa

O escritor coruñés José María Merino vén de recibir o Premio Nacional de Narrativa, o máximo galardón concedido a unha obra polo Ministerio de Cultura, pola súa novela El río del Edén.

Créditos da imaxe: imaxe publicada na wikipedia.

Boas prácticas

O sitio temático das bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recolle un feixe de boas prácticas nas bibliotecas escolares para conmemorar o mes da Biblioteca Escolar e o Día da Biblioteca (24 de outubro). 


martes, 15 de octubre de 2013

Ángela Ruíz Robles e o libro electrónico

Hai uns días puidemos ler unha interesante reportaxe na BBC sobre Ángela Ruíz Robles. Esta mestra de orixe leonés, que residiu gran parte da súa vida en Ferrol, patentou en 1949 unha enciclopedia mecánica que se pode considerar como precursora dos libros electrónicos .


lunes, 14 de octubre de 2013

Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía 2013

O poeta coruñés Manuel Álvarez Torneiro vén de ser galardonado co Premio Nacional de Literatura (concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte) polo seu poemario Os ángulos da brasa. Este libro, xa tiña sido recoñecido co Premio da Crítica de Poesía galega e co Premio Ánxel Casal. 
Así escribiu o poeta sobre a súa obra na autobiografía que podes atopar nas páxinas da AELG e da Biblioteca Virtual Galega:
"Hai na miña última producción un tema recurrente: a memoria, que dicta unha sorte de variacións sobre un só tema. Debo afirmar que creo no poder da palabra, nas potencias da beleza. Aínda escribindo en prosa sempre remato caendo polo escotillón da lírica que procuro afinada ó máximo.
Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía."
Parabéns a Álvarez Torneiro.

lunes, 30 de septiembre de 2013

Lembrando a Pablo Neruda

O pasado 23 de setembro cumpríronse 40 anos do falecemento do poeta Ricardo Eliécer Neftalí Reyes Basoalto, máis coñecido como Pablo Neruda. Queremos lembralo enlazando coa web da BBC onde poderás escoitar un dos seus poemas máis famosos recitado en 21 linguas. Aquí atoparás a versión escrita do poema e unha gravación del do propio autor.


sábado, 22 de junio de 2013

Día das Letras Galegas 2014


O Día das Letras Galegas do vindeiro ano estará dedicado ao poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro ao que o Instituto de Guitiriz, que leva o seu nome, homenaxeou hai uns días cun interesante documental titulado A lus do mundo.
Nós queremos rematar esta entrada lembrando un dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope":

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.


Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.


Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.


Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

miércoles, 19 de junio de 2013

Tolos pola Ciencia. Suxestións de lecturas para o verán: EI e EP

Despois da celebración da Semana da Ciencia, Sansiño recoméndarvos algunhas lecturas para este verán que vos fagan disfrutar, amosar interese, descubrir, satisfacer curiosidades, investigar... É dicir, convertirvos nuns CURIOSOS POLA CIENCIA. Disfrutade das lecturas e das vacacións.

martes, 18 de junio de 2013

O Portal das Palabras

O Portal das Palabras é un espazo web creado pola RAG e a Fundación Barrié que pretende difundir os recursos léxicos creados pola Academia entre a comunidade escolar.

anuncia o portal na túa web

viernes, 14 de junio de 2013

Sinbad

Unha das últimas interpretacións de Xosé Manuel Olveira, "Pico", no cine foi a de Sinbad na adaptación cinematográfica da novela Se o vello Sinbad volvese as illas de Álvaro Cunqueiro, a cal por certo podes atopar na nosa biblioteca. Outra lectura interesante para a ESO relacionada con Sinbad é Sari, soñador de mares, a primeira novela de Marcos Calveiro na que este continúa o relato do mindoniense.


¡Non hai tales illas Sinbad! ..............
-¡Hai, hai! ¡Están as illas das Cotovías coma sete laranxas! 
Álvaro Cunqueiro, Se o vello Sinbad volvese ás illas

O teatro galego de loito

Hoxe, a páxina da Asociación de Actores e Actrices de Galicia abría cun lazo negro para lembrar a morte do actor Xosé Manuel Olveira, "Pico", ao que puidemos ver hai uns meses interpretando maxistralmente o personaxe de don Valeriano na película Doentes.
Pico amosou o seu bo facer no teatro, no cine e na televisión. Foi presidente da Academia do Audiovisual Galego e recibiu entre outros premios o María Casares e varios Mestre Mateo.
Sit tibi terra levis.
Créditos da foto: a foto foi tirada da páxina de AGADIC

jueves, 13 de junio de 2013

Club de Ciencias, Semana da Ciencia e guías de suxestións.

O Club de Ciencias de ESO recibiu unha mención especial no III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos polo seu traballo sobre o  tempo e o clima en San Sadurniño. Por outra banda, como xa sabedes, podedes atopar os vídeos da Semana da Ciencia, que vimos de celebrar a pasada semana, na nosa web e visitar a exposición das fotografías do II Concurso de Fotografía do Día Mundial do Medio Ambiente organizado polo concello e o centro na entrada do edificio de secundaria.
Se vos quedaron ganas de lecturas científicas, lembrade que vos agardamos onde o mundo se chama biblioteca e que tedes suxestións de lectura nas seguintes guías: De ciencia e con ciencia (curso 2009-2010), Naves en chamas. Guía de ciencia ficción (curso 2010-2011), Isto é curioso. Suxestións de lectura (curso 2011-2012) e Mulleres e ciencia. Suxestións de lectura (curso 2012-2013). E non queremos rematar sen lembrar que este curso homenaxeamos a Rita Levy-Montalcini, Premio Nobel de Medicina, no Día da Muller Traballadora.

miércoles, 12 de junio de 2013

Contos no saquiño

Hoxe atopámonos cunha entrada no blogue da Biblioteca do CFR de Ferrol sobre os storysacks de Sansa. Preme aquí para lela e ver as fotos.

lunes, 27 de mayo de 2013

Medos Romero

O alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu o pasado 24 de maio a unha conferencia da escritora Medos Romero. A narradora e poeta, nada en Somede (As Pontes), falounos dos seus inicios coma escritora e das principais características da súa obra, ademais de nos ler algúns dos seus poemas. Deixámosvos aquí un destes, pertencente ao seu poemario Ámome en por min:


DÉITOME nun cómbaro
de abrótegas, xestas
e azafrán silvestre.
Vide, tapádeme con herbas frescas.
Que se vexa o meu ollar,
só iso,
que fala dende os anos
das mulleres meigas da beira do río.
MEDOS ROMERO
Ademais na nosa páxina web atoparedes un tríptico que elaboramos co gallo da súa visita. Coma sempre, agardámosvos onde o mundo se chama biblioteca.

miércoles, 15 de mayo de 2013

Roberto Vidal Bolaño: unha vida por e para o teatro


Este ano o Día das Letras Galegas dedícase a Roberto Vidal Bolaño. Dramaturgo, actor, director de teatro, escenógrafo, guionista... O compostelán foi, por riba de todo, un home que amou o teatro con paixón e persistencia tal e coma el mesmo recoñecía nunha entrevista na TVG:

"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo, non? E, sen embargo, por eso, máis grandiosa.

A súa obra dramática, na que conviven a alegoría e o realismo, amosa as pegadas da cultura popular e das formas parateatrais, mais tamén a influencia dos grandes dramaturgos do século XX, dende Bertold Bretch a Ionesco, sen esquecer os seu admirados Valle Inclán e Otero Pedrayo. 


O seu teatro é "popular, contemporáneo e universal" tal e como afirma Avelino González no Cuestionario Vidal Bolaño. Un teatro no que a ironía e a visión lúcida e crítica da realidade converxen para conformar unha obra diversa que conserva hoxe  a súa vixencia.

Aquí atoparás máis información sobre o autor homenaxeado este vindeiro 17 de maio:

martes, 23 de abril de 2013

Día do Libro


“Porque los libros son así, mi pequeño Francesco: no necesitan al mundo, es el mundo el que los necesita a ellos.”
Roberto Cotroneo









Este 23 de abril querémosvos desexar felices lecturas e lanzar unha pregunta ao aire neste día de libros e rosas: ler, para que? Atoparedes algunhas excelentes razóns que contestarán esta pregunta na entrada de hoxe do blog do club de lectura.
Polo demais, xa só nos queda lembrarvos que aquí podedes encontrar información sobre as actividades desenvolvidas nos centros educativos galegos nesta data.

domingo, 24 de febrero de 2013

Alborada de Rosalía

Aquí poderás atopar numerosos vídeos coa interpretación da "Alborada de Rosalía", unha actividade organizada pola  Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galego que se desenvolveu na mañá do domingo 24 de febreiro.

sábado, 23 de febrero de 2013

Dia de Rosalía


O 24 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía de Castro. Este ano, sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos, decidimos sumarnos á conmemoración e lembrar este libro cuxa publicación sinala o inicio do Rexurdimento pleno. 

 

sábado, 2 de febrero de 2013

Recital Día Escolar da Paz

Un ano máis celebramos o noso recital do Día Escolar da Paz no que participaron alumnos de 1º e 3º de ESO.