Centro

martes, 6 de noviembre de 2012

III DÍA DA CIENCIA E A TECNOLOXÍA EN GALEGO

Este ano no Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego homenaxeamos a Leonardo da Vinci e Ramón Verea. Dende a biblioteca querémonos sumar a este conmemoración presentándovos unha das nosas novidades: o libro Leonardo da Vinci de Steve Augarde (publicado na editorial Baía) que che permitirá achegarte á obra do xenial inventor a través do diario de Paulo o cal con só dez anos se converte en aprendiz deste.
Aquí atoparás as actividades desenvolvidas nos diversos centros de ensino para esta efeméride.

martes, 23 de octubre de 2012

Bases do concurso "Investigación e ciencia"

Na nosa páxina web atoparás as bases para este concurso, no que poden participar os alumnos da ESO do noso centro. Anímate e participa.

viernes, 22 de junio de 2012

viernes, 18 de mayo de 2012

Lembrando a Valentín Paz Andrade


A orientación da súa vida e da súa obra eran o ter a Galiza como tarefa, que é o título dun dos seus libros fundamentais.
Isaac Díaz Pardo
Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado a Valentín Paz Andrade. Paz Andrade, que naceu en Lérez (Pontevedra) en 1898 e morreu en Vigo en 1987, foi avogado, escritor, poeta, empresario e xornalista.
É autor dunha prolífica obra ensaística en castelán e galego na que figuran títulos coma A galeguicidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982). A poesía tamén foi outra das súas dedicacións dende que en 1954 publicou Pranto Matricial, poemario elexíaco dedicado a Castelao.
Se desexas saber máis sobre a súa biografía e obra, aquí atoparás actividades e materiais elaborados por diversos centros educativos para lembrar a súa figura. Nós rematamos esta breve lembranza con estas palabras do escritor Manuel Rivas dedicadas ao escritor homenaxeado neste 17 de maio:
Cada un dos seus pasos estaba tinguido de compromiso, Galicia para el era unha utopía realizable”.

martes, 24 de abril de 2012

Nicanor Parra e antipoesía




Onte, 23 de abril, o neto do poeta Nicanor Parra recibiu en nome do seu avó o Premio Cervantes.
Nicanor Parra, que naceu en Chile o 5 de setembro de 1914, é o maior da Familia Parra, da que tamén formaron e forman parte coñecidos artistas e músicos entre os que figura a cantautora e folclorista Violeta Parra.
En 1954 publicou Poemas e Antipoemas que se considera o libro que inaugura a antipoesía. Unha poesía na que a realidade é mirada dende o humor e a ironía.
La poesía chilena se endecasilabó
¿Quién la desendecasilabará?
El gran desendecasilabador

Nicanor Parra

viernes, 13 de abril de 2012

Visita de Gonzalo Moure


O pasado 26 de marzo visitounos o escritor Gonzalo Moure. Como xa sabedes,
Gonzalo Moure naceu en Valencia no ano 1951, aínda que na actualidade reside en Asturias. Estudou Ciencias Políticas na Universidade Complutense de Madrid e traballou coma xornalista fundamentalmente na radio.
En 1991 publicou a súa primeira novela, Geranium, que foi incluída na Lista de Honra do IBBY. Dende aquela obtivo numerosos premios polas súas obras de literatura infantil e xuvenil coma o Premio Barco de Vapor por Lili Libertad, o premio Ala Delta por Maíto Panduro, o Premio Gran Angular por El síndrome de Mozart, etc..
Cómpre destacar tamén, que é un dos principais impulsores do proxecto Bubisher, o bibliobús que percorre as escolas dos campamentos de refuxiados do Sáhara.
Aquí atoparedes máis sobre a súa visita.

miércoles, 21 de marzo de 2012

Día Mundial da Auga: 22 de marzo de 2012


A biblioteca do noso centro súmase a esta celebración cunha selección de libros sobre a auga que atoparás na nosa web.

Día da Poesía. Lembrando a Wislawa Szymborska


“Só as preguntas un pouco inxenuas son verdadeiramente profundas”

Hoxe é o Día Mundial da Poesía e nos querémosllo dedicar á poeta polaca Wislawa Szymborska, recentemente falecida.
Wislawa Szymborska naceu en Kórnik o 2 de xullo de 1923 e finou en Cracovia o 1 de febreiro de 2012. En 1931 trasladouse coa súa familia a Cracovia, cidade na que residiu ata a súa morte. Foi poeta, ensaísta e tradutora. Entre os numerosos premios que recibiu figura o Nobel de Literatura que lle foi concedido en 1996.
A súa poesía, revestida polo común dunha sutil ironía, reflexiona sobre o paso do tempo, o amor, a dor, a morte... En fin, sobre os eternos temas da poesía presentados coa sinxeleza que só unha poeta da súa altura pode acadar.
Se queres achegarte á obra da poeta polaca recomendámosche os seguintes libros: El gran número. Fin y principio y otros poemas publicado por Ediciones Hiperión e Versos escollidos que vén de publicar Edicions Positivas. Nós, para rematar escollemos a primeira estrofa do famoso poema “Nada dúas veces” na tradución que Lucía Caeiro realizou para o segundo libro amentado:
Nada sucede dúas veces
nin vai suceder. Por iso
sen experiencia nacemos
e sen práctica morremos.

Aquí atoparás máis información sobre as actividades que as bibliotecas escolares están a desenvolver.



jueves, 15 de marzo de 2012

Día Internacional da Muller








Ao longo desta semana e da vindeira continuaremos coa exposición na biblioteca dos libros elixidos para conmemorar esta data.
Por certo, a foto escollida para ilustrar esta entrada reproduce o traballo dunha das nosas alumnas de 3º de ESO sobre mulleres escritoras. Atoparás nel a Christine de Pisan, Jane Austen, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Wislawa Szymborska.
Aquí atoparas actividades e materiais realizadas por outras bibliotecas escolares para conmemorar este día.

jueves, 16 de febrero de 2012

O tendal da poesía







Xa está listo o noso "tendal da poesía". Algúns alumnos optaron por copiar os seus poemas de amor preferidos mentres outros preferiron crear o seu. Grazas a todos os que participastes.
Por certo, aquí podedes atopar as actividades e propostas doutros centros.



http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/429

lunes, 30 de enero de 2012

Recital poético do Día Escolar pola Paz


Despois dunha semana de ensaios durante os recreos na biblioteca, hoxe chegou o día do recital. Dende aquí, queremos agradecer aos alumnos e alumnas que recitaron os versos de Celso Emilio Ferreiro, Nicolás Guillén, Ángel González, Ángela Figuera Aymerich e María Wine. Grazas polo recital e grazas por converter durante a pasada semana a biblioteca nun espazo poético. Porque, ao cabo, tal e coma escribiu Gabriel Celaya, "La poesía es un arma cargada de futuro".



 

Aquí atoparás as nosas guías de suxestións do curso pasado:
http://centros.edu.xunta.es/cpidesansadurnino/web/IMG/pdf_tripticopazfinal.pdf
 http://centros.edu.xunta.es/cpidesansadurnino/web/IMG/pdf_GUIA_PAZ_2011.pdf

E aquí, unha recompilación de guías e propostas realizadas por outros centros escolares:
http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/424



domingo, 15 de enero de 2012

IN MEMORIAM ISAAC DÍAZ PARDO


O 5 de xaneiro deste novo ano tróuxonos unha triste nova: a morte de Isaac Díaz Pardo aos noventa e un anos. Isaac Díaz Pardo foi pintor, editor, escritor, empresario e incansable promotor e mecenas de numerosos proxectos culturais.
Sit tibi terra levis