Centro

viernes, 29 de mayo de 2015

Correr...

Nós tamén queremos facer a nosa pequena contribución á II Carreira Popular, recomendando dous libros publicados nos últimos anos relacionados coas carreiras: Correr de Jean Echenoz e Do que estou a falar cando falo de correr de Haruki Murakami. 
Echenoz e Murakami súmanse con estes dous libros ao grupo de escritores que elixiron o "correr" coma tema das súas novelas ou relatos, entre os que ten un papel importante o británico Allan Sillitoe con A soidade do corredor de fondo, novela breve ou conto longo, segundo se mire, que foi levada ao cine por Tony Richardson en 1962.
En Correr Echenoz nárranos co seu habitual estilo narrativo, no que o ritmo xoga un importante papel, a vida do famoso corredor checo Emile Zátopek. Non se trata dunha biografía, tal e coma o escritor francés ten afirmado nunha entrevista no xornal El País (25-09-2010), senón dunha ficcionalización da vida do famoso atleta:

Mi libro no es una biografía. El Zátopek del que hablo no es el verdadero Zátopek. Lo que yo he hecho es apoderarme de alguien real y manejarlo como un personaje de ficción, como en mis otras novelas. He intentado ser lo más fiel posible a su biografía, pero me he concedido, como novelista, un margen de libertad.



Haruki Murakami é un recoñecido escritor xaponés e tamén un grande afecciónado a correr. Da súa paixón polo correr e pola escrita naceu Do que estou a falar cando falo de correr,  libro no que as reflexións sobre a escrita e sobre as súas experiencias como corredor se mesturan.  Escribe Murakami:

No entanto, o meu interese céntrase máis en se podo superar ou non os obxectivos que establezo para min mesmo. Visto deste xeito, as carreiras de fondo son un deporte que se axusta perfectamente á miña mentalidade.



Non podemos rematar sen mencionar outra excelente película sobre corredores, ademais da de Richardson. Referímonos a Carros de fuego, a famosa película ambientada nos anos 20 na que se conta a rivalidade entre dous atletas británicos.




Recursos de interese:

Opera-apaixonados V: Estreo de Pegadas Musicais

A compañia Pegadas Musicais, formada polo alumnado de 6º de Educación Primaria, estrea hoxe a súa opera-musical: Excursión á Illa Corazón. Se queres saber máis sobre as representacións preme aquí.  Nestoutro enlace coñecerás o seu programa de man e neste saberás máis sobre a súa visita á Radio Galega.
 
Moitos parabéns!

jueves, 28 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas IX: As nosas lecturas do Día das Letras

Un pouco tarde de máis, xa o sabemos, vimos de percatarnos de que non fixeramos alusións ás nosas lecturas do alumnado de secundaria para conmemorar o Día das Letras Galegas ao longo de dous recreos. A poesía de Filgueira Valverde tivo o seu lugar no noso recital, pero tamén Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín, posto que cada participante podía ler o poema que considerase oportuno.
Aínda que sexa tarde: grazas por participar!



miércoles, 27 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas VIII: Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz, un dos nosos máis afamados, queridos e traducidos escritores recibirá o vindeiro 5 de xuño o Premio dos Clubs de Lectura 2015.
As flores radiactivas, Trece anos de Branca, Contos por palabras, Corredores de sombras, Noite de voraces sombras, O único que queda é o amor, Lúa do Senegal, Fantasmas de luz... Tantos libros tan queridos por todos nós! 
En O rastro que deixamos, un libro de "rastros" autobiográficos que nos permiten asomarnos á súa vida e obra, Agustín lembra unhas palabras súas dunha conferencia en Xixón:

Aínda que cando escribo abordo os temas que me interesan ou me preocupan, aínda que constrúo as miñas historias con materiais tomados do que pasa ao meu redor, non podo esquecer que todos os fíos cos que acabo compoñendo os relatos teñen a súa orixe na miña infancia. Non contos que escoitei, nos libros e tebeos que lin, nas películas que vin nunhas salas de cine que xa non existen, nos xogos das tardes de inverno e en todas as aventuras daqueles veráns luminosos e eternos. Todo está alí, nas paisaxes gardadas da memoria.

Para saber máis sobre el:

Por certo, Agustín vén de publicar dous libros: Amizades secretas e A neve interminable.




E xa para rematar, lembrar que a imaxe de Agustín neno atopámola aquí.

martes, 26 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas VII: Un mapa de poetas

Coñecemos a través de Rede Lectura un ben sorprendente e interesante mapa: un mapa de poetas galegos. Preme aquí se queres coñecer tan singular iniciativa.

lunes, 25 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas VI: "Aí vén o maio"

Outro poema relacionado con maio e os Maios é "Aí vén o Maio" do poeta valdeorrense Florencio Delgado Gurriarán.
 

Ahí ven o Maio pola porta do xardín,
ahí ven o maio de enterrar ao pai Abril,
(O Maio garrido cansiño de chorar,
enxoitou o seu pranto con panos de luar).

Ahí ven o Maio pola porta da campía
ahí ven o maio, galán da cotovía,
(O Maio garrido tiña un cambai brunedo,
o sol espafarrapóullo côs seus dourados dedos).

Ahí ven o Maio pola porta da debesa,
ahí ven o Maio côs seus brincos de cireixas.
(O Maio garrido anda a bebelos ventos
pola terra, rapaza de doces arrecendos).

Ahí ven o Maio pola porta do soutelo,
ahí ven o Maio có seu colete amarelo.
(O Maio garrido, nos intres de vagar,
có mestre rouxinol adeprende a cantar.

Ahí ven o Maio pola porta do valado,
ahí ven o Maio cô seu traxiño branco.
(O Maio garrido, para saudar o vran,
pon luvas de etiqueta  con frores de S. Xoán).

Ahí ven o Maio. ¡Ábrelle as portas, moza,
que trai, por gorentarte, caraveles e rosas!

Alí ven o Maio,
Maíño, Maiolo;
na verde camisa
botois de amerodos;
monteira frorida,
a roupa das festas;
e un caraveliño
por riba da orella;
pieites de silveiras
pieitanlle o cabelo,
anda a namorare
coma un mozo cedo.
F. Delgado Gurriarán, Cantarenas
En Son de poetas atoparás a versión musical que Anxo Rei fixo do poema.

viernes, 22 de mayo de 2015

Ópera-apaixonados IV: This is Opera

Cómpre dar os parabéns aos apaixonados pola ópera, aos que se están apaixonando e aos que se apaixonarán porque TVE comezou hai dous meses a emisión dun programa que nos permite achegarnos a este xénero musical dunha forma entretida e ao mesmo tempo rigorosa: This is Opera.
O barítono e divulgador musical Ramón Gener presenta este programa no que a interacción coa xente, as anécdotas e os seus coñecementos musicais se mesturan para lograr unha exitosa fórmula televisiva que combina o deleitar co instruír. E non deixa de soprendernos, tamén, Gener co seu extraordinario dominio do alemán, o inglés e o italiano, ademais do castelán e o catalán.
Así que, xa sabes, se queres achegarte a este mundo marabilloso coñecendo por exemplo o simulador de Ferrari de Fórmula 1 para entender mellor como funciona a voz dunha soprano que ten que cantar Turandot de Puccini.... This is Opera!

jueves, 21 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas V: os Maios e os poemas

Os Maios son, como sabedes, unha festa primaveral ancestral que se celebra neste mes. A súa orixe é un tanto discutida, tal e como recolle Clodio González Pérez no número 29 da Revista de Folklore (1986):

En lo que se refiere a su antigüedad, hay opiniones para todos los gustos, aunque en su mayoría coincidan en que su punto de partida hay que situarlo en la Prehistoria; en el Paleolítico -los menos-, o en el Neolítico -los más-. Tampoco faltan aquellos que son partidarios de una procedencia clásica, del mundo greco-romano; en particular de los cultos dedicados a Deméter, Ceres (19 de abril), Pales (21), Robigo (25), Flora (del 28 al 3 de mayo), Maia (1º de mayo), etc. Ni los que le busquen un posible origen celta, como el prehistoriador Florentino López Guevillas y el etnógrafo Vicente Risco.

Aunque, en realidad, estos ritos y ceremonias no son más que restos de antiguos cultos agrarios o de fecundidad, de procedencia muy diversa y de épocas que pudieran abarcar desde el Paleolítico hasta la Edad Media. Tampoco, por supuesto, se trata de manifestaciones exclusivas de Galicia, ni mucho menos, pues se localizan en otras muchas comunidades, variando tan sólo el día o algunos elementos, pero conservando siempre lo esencial que es, como ya queda dicho, el propiciar una abundante cosecha y el festejar el comienzo del buen tiempo.

Neste mesmo artigo podemos atopar numerosas e antigas referencias a esta festa, mais nós queremos hoxe traer aquí un dos poemas máis coñecidos relacionados con ela: "O Maio" de Curros Enríquez. Deixámosvos un vídeo coa fermosa versión que fixo Luis Emilio Batallán, quen canta neste caso acompañado do famoso músico Pablo Milanés.

miércoles, 20 de mayo de 2015

Ida Vitale

Onte coñecemos a nova de que a poeta uruguaia Ida Vitale viña de ser galardoada co Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. A súa é unha poesía, que poderiamos alcumar da esencialidade, moi influenciada por Juan Ramón Jiménez.
Mes de mayo

Escribo, escribo, escribo
y no conduzco a nada, a nadie.
Las palabras se espantan de mí
como palomas, sordamente crepitan,
arraigan en su terrón oscuro,
se prevalecen con escrúpulo fino
del innegable escándalo:
por sobre la imprecisa escrita sombra
me importa mas amarte.
 
Ida Vitale, Oidor andante 


 Patrimonio

Sólo tendremos lo que hayamos dado.
¿Y qué con lo ofrecido y no aceptado,
qué con aquello que el desdén reduce
a vana voz, sin más,
ardiente ántrax que crece,
desatendido, adentro?

La villanía del tiempo,
el hábito sinuoso
del tolerar paciente,
difiere frágiles derechos,
ofrece minas, socavones, grutas:
oscuridad apenas para apartar
          vagos errores-

El clamor, letra a letra,
del discurso agorero
no disipa ninguna duda;
hace mucho que sabes:
          ninguna duda te protege.
 
Ida Vitale, Reducción del infinito

martes, 19 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas IV: Mª do Carme Kruckenberg

 A palabra cancelada no silencio
quedouse sen resposta
na nacente cegueira transitoria...
Mª Do Carme Kruckenberg, Alegoría do ensoño ferido

O sábado 16, véspera do Día das Letras Galegas, tróuxonos a triste nova do pasamento da poeta viguesa Mª do Carme Kruckenberg. Ficamos sen a súa voz intimista, profundamente indómita e libre.

Non chores.
Ríeme sempre.
O delor se afoga entre a corrente;
e cada bágoa que sea un canto,
e as penas morran, morran sorrindo,
sorrindo sempre...
Non chores.
 Mª Do Carme Kruckenberg, Cantigas do Vento


Para saber máis:

jueves, 14 de mayo de 2015

E máis parabéns

Queremos dar os nosos parabéns a Vanessa que foi finalista dos premios AJE Ferrolterra ó emprendemento, sendo o seu proxecto un dos tres mellor valorados polo xurado. Moitos parabéns para ela e se queredes saber máis sobre esta nova atoparedes máis información na nosa web.
 

miércoles, 13 de mayo de 2015

Maio de Letras Galegas: Filgueira Valverde

Xa chegou maio e con el o Día das Letras Galegas que este ano está dedicado, como todos sabedes, a Xosé Filgueira Valverde. Nós queremos aproveitar para escribir unha serie de entradas relacionadas coas letras galegas, máis concretamente coa LIX (literatura infantil e xuvenil) e a poesía.
Porén, esta primeira entrada querémoslla dedicar ao autor homenaxeado recompilando algúns enlaces de interese.
E tamén un anaquiño de "O labrego" do seu libro de prosas literarias Quintana viva:
E pecha os ollos, a soñar troques en todas as cousas do mundo: nas árbores mesmas da pomarada a se mudar en esteos de pedra; nos centeos mainos, a camiñar como moitedumes; nas pedras vellas do pazo dos coengos, a seren árbores. 
 

Para rematar tres pezas audiovisuais elaboradas pola produtora Algarabía para a Secretaría Xeral de Cultura a partir de textos de Filgueira Valverde.


martes, 12 de mayo de 2015

Máis parabéns

O pasado domingo tres das vosas compañeiras de 6º de Educación Primaria estiveron na Radio Galega para explicar o proxecto operístico no que están a participar. Parabéns para elas tres e tamén para as gañadoras e o gañador do Concurso de Artigos de Opinión que convocou o noso EDLG. E por  certo, non esquezades que aínda estades dentro do prazo para participar no Concurso Literario e no "Jesus Bonigno" de Debuxo e Pintura que organiza o EDLG, en colaboración coa ANPA, para o alumnado do noso centro co gallo do Día das Letras Galegas.

lunes, 11 de mayo de 2015

Parabéns ao Peque Coro e á Biblioteca do CEIP de Moeche

A semana pasada enterámonos a través dalgún dos nosos alumnos que estuda no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño e tamén do blogue da súa biblioteca dun aniversario moi especial: o do Peque Coro. Queremos darlles os parabéns ao igual que a biblioteca do CEIP San Ramón de Moeche sobre a que o pasado día 6 de maio puidemos ler unha interesante reportaxe no xornal La Voz de Galicia. Parabéns especiais para o creador de Modestina, a súa famosa mascota!
Este é un vídeo dunha das cancións do Peque Coro que se pode atopar en Youtube: "Compañeira", unha canción do grupo Fuxan os Ventos.

viernes, 8 de mayo de 2015

Cando o aire se serea: visita de Germán Díaz

 
El aire se serena
y viste de hermosura y luz no usada,
Salinas, cuando suena
la música extremada
por vuestra sabia mano gobernada.
Fray Luis de León
Onte lembramos a famosa "Oda a Salinas" de Fray Luis de León ao escoitar a música que Germán Díaz nos interpretou. Pero, non só nos emocionamos coa súa música, senón que tamén aprendemos moito sobre a historia das gravacións sonoras, percatámonos da íntima unión da música e as matemáticas e coñecemos fascinantes instrumentos mecánicos chegando a facer nós música cun deles despois de perforar un cartón.


Germán Díaz é un prodixioso zanfonista que combina nos seus discos e actuacións este instrumento, tan vinculado á música galega, con outros mecánicos para conseguir unha música que realmente "serena o aire" e vísteo de "hermosura y luz no usada". Se a isto lle engadimos a súa intuición poética e creatividade saen alfaias coma o disco Método cardiofónico baseado nos ritmos de latexos do corazón que o doutor Iriarte gravou nos anos corenta.




O último proxecto discográfico de Germán Díaz, formando parte de "Oh trío", é Cancionero Gallego. Este disco revive once das composicións do famoso cancioneiro de Torner e Bal y Gay  con aires de jazz.

E verdadeiramente conseguen introducirse na alma da música popular galega para construír unha música universal, tal e coma Bal y Gay escribiu en Discurso sobre la música popular gallega, nunha cita que por certo se lembra no libreto do disco:
«E o que teñen que faguer todos aquiles que arelen ser músicos galegos, é s’introducir na i-alma da nosa música popular (...) para atenguir as íntimas esencias do lirismo galego e con eles construir unha música universal».

Non queremos rematar sen lembrar tamén as consultas que lle fixemos a Germán sobre nubes nas que é un experto, mais sobre isto atoparedes máis información en Meteosansa.
Traspasa el aire todo
hasta llegar a la más alta esfera,
y oye allí otro modo
de no perecedera
música, que es de todas la primera.
 Fray Luis de León

jueves, 7 de mayo de 2015

As Bibliotecas Escolares de Galicia en Leer.es

Leer.es recolle a celebración do Día do Libro polas Bibliotecas Escolares de Galicia. Felices lecturas e xa sabedes: agardámosvos onde o mundo se chama biblioteca.

miércoles, 6 de mayo de 2015

A lúa, Méliés e Hugo Cabret

Hai xa un tempiño faciamos referencia a un vídeo da NASA sobre a outra cara da lúa e isto lembrounos un personaxe fascinante que dirixiu a primeira película sobre unha viaxe ao noso satélite alá polo ano 1902. Chamábase Georges Méliés e a súa película Le Voyage dans la Lune (1902) foi a primeira película que foi clasificada no Patrimonio Mundial da UNESCO  (o 30 de maio do 2002).
Le Voyage dans la Lune, baseada en Da terra á lúa de Verne e n'Os primeiros homes na lúa de H.G. Wells, deixou estupefacto ao público, non só polo seu tema senón polos efectos especiais dos que Méliès é considerado o pai.

O certo é que Méliés segue suscitando interese como nos amosa a película La invención de Hugo dirixida por Martin Scorsese, un grande admirador do director francés. A película baséase, por certo, na novela La invención de Hugo Cabret de Brian Selznik.


martes, 5 de mayo de 2015

In memoriam Maya Plisétskaya

A fin de semana tróuxonos a nova da morte dunha das máis grandes bailarinas do século XX: Maya Plisétskaya. Innovadora, grácil, harmoniosa... Maya era todo talento e esforzo a prol da súa grande paixón dende ben neniña: o ballet.