Centro

Mostrando entradas con la etiqueta POESÍA GALEGA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta POESÍA GALEGA. Mostrar todas las entradas

jueves, 23 de mayo de 2024

Yolanda Castaño

 O pasado mércores o alumnado de 4º de ESO asistiu á unha charla coa poeta Yolanda Castaño organizada pola Biblioteca Municipal.



miércoles, 27 de abril de 2022

Aí vén o Maio



Chega o mes de maio e con el os "maios", coma o que anda a preparar o noso EDLG. Unímonos a esa conmemoración lembrando un poema de Florencio Delgado Gurriarán sobre esta festa tradicional:

Aí vén o Maio pola porta do valado


aí vén o maio co seu traxiño branco.

(O Maio garrido, para saudar o vran,

pon luvas  de etiqueta con flores de San Xoán.

F. Delgado Gurriarán, Bebedeira

Poemas para os Maios de 2º B

miércoles, 9 de febrero de 2022

Candeloria


O pasado 2 de febreiro foi o día da Candeloria, unha festa da cultura popular con ampla presenza no refraneiro coma xa observastes coa actividade organizada polo EDLG. Unímonos a esta conmemoración cun fermoso poema de Lois Amado Carballo:

 


A CANDELORIA

   Na catedral do abrente
hoxe cásans'os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

   Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibens soben no lonxe
como rosarios d'encenso.

   O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

   Vai tocando pol-o campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

   O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.

   Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa d'esta noite
estrena un luar o campo. 

Lois Amado Carballo, Proel

 

miércoles, 27 de mayo de 2020

O maio de Don Ricardo XV: poesía

Antologia da poesia en galego é unha selección de poesía realizada por Paulo Fernández Mirás dos diversos libros publicados por Ricardo Carvalho Calero.


O primeiro aeroplano
ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches,
namentres nós nacíamos.
E o cometa Halley brillaba no ceu,
e Tolstoy se apagaba cando nós nacemos.

Ricardo Carvalho Calero, Futuro condicional

lunes, 20 de abril de 2020

Luz Pozo Garza


«A súa presenza destilaba o mesmo que a súa poesía: delicadeza e verdade.»
Francisco Castro
Hoxe soubemos do pasamento da poeta Luz Pozo Garza. Luz naceu en Ribadeo preto do mar, dese mar sempre tan presente na súa poesía, o 21 de xullo de 1922.

Amei a mar de Vigo.
Amei a luz que modifica a doctrina dos astros
a total curvatura que da unidade ás formas
cando a badía nace cada mañá
e ti agardabas.
Foi o móbil primeiro
Luz Pozo Garza. Códice Calixtino



O páxaro na boca, Códice Calixtino, Vida secreta de Rosalía... Libros de poesía intimista no que o amor vitalista e a saudade se van sucedendo no tempo simbolizados pola luz e a sombra. 

De balde fora o devecer aquel.
A pregunta sen eco que ten forma de enigma.
Aló calara a chuvia
onde o tempo semella unha curva implacábel.
Luz Pozo Garza, Concerto de outono

 

A poesía de Luz era unha poesía tamén na que a Música tiña un importante papel. 
Aquel vello piano noite e tempo
de madeiras exóticas que cercaban a infancia
conserva a transparencia do primeiro Chopin
nun reino fuxitivo onde pasan as sombras en claves sucesivas.
Luz Pozo Garza, Códice Calixtino

Mais falar de Luz Pozo Garza é falar tamén da ensaísta, da directora da revista Nordés, da profesora que achegou a literatura a tantos alumnos e alumnas coma Manuel Rivas:
 
«Con ela chegaba unha estación nova; entraba na clase tranquilamente a primavera»
Manuel Rivas 


O ar semellaba unha camelia branca
que se tornase en chuvia en sombra en pura ausencia.
Luz Pozo Garza, Códice Calixtino

miércoles, 19 de junio de 2019

Paseniño, paseniño

En Paseniño, paseniño Antonio García Teijeiro evoca a poesía de Rosalía de Castro. Esta edición, ilustrada por Marcos Viso, inclúe un CD musical con poemas recitados polo autor.

Treboada.
Chuvia tola
que os piñeiros
non os molla
porque calan,
porque arrolan.
Antonio García Teijeiro, Paseniño, paseniño

viernes, 22 de marzo de 2019

Primavera de poesía III: María Reimondez

Hoxe continuamos coa nosa "Primavera de poesía" cun poema de Galicia en bus  da escritora María Reimondez

En abril,
nubes de la no ceo
o verdecer das árbores
en cada letra.
María Reimondez

miércoles, 27 de febrero de 2019

Día de Rosalía

Estes días podedes ver un espazo moi especial no primeiro andar do edificio de EI e EP: O Recuncho de Rosalía. Neste espazo amosanse algúns dos libros da autora, unha escolma de versos e unha cesta con rolos nos que están escritos algúns dos seus poemas para coller e ler nas aulas. 

Onte foron algúns alumnos e alumnas de 1º de ESO a lerlles aos nenos e nenas de Educación Infantil un deles. Hoxe continuamos a celebración desta data cun recital do alumnado de secundaria no recreo de mediodía. Atoparás máis información sobre este conmemoración na nosa web.


viernes, 8 de febrero de 2019

Día da Paz VII: unha cantarola de Neira Vilas

Cantarolas de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas é outro dos clásicos da literatura infantil galega. O libro, publicado en 1975, foi reeditado por Kalandraka nunha fermosa edición ilustrada por Leandro Lamas. Deixámosvos hoxe as dúas primeiras estrofas da "Cantarola dos nenos".


Cantarola dos nenos

Amiguiños todos,
amiguiños xa,
os nenos de aquí,
e os nenos de alá.

Os nenos do mundo
todos a cantar
a unha mesma voz
collidos das mans.

Por certo, podedes escoitar algunhas das versións musicais das "cantarolas" na web da Fundación Xosé Neira Vilas.

martes, 29 de enero de 2019

Día da Paz II: poesía

A poesía vai ter un lugar moi especial na nosa conmemoración do Día da Paz, por iso queremos lembrar algúns poemas ao longo desta semana neste blogue. Empezamos cun pertencente a un poemario que nos gusta moito: PAlAbrAs brAncAs de Elvira Riveiro Tobío.

Basta 
Basta
á paz maltratada,
ás trampas canallas,
ás malvadas lacras:
basta!

Basta
á fatal labazada,
ás casas arrasadas,
ás falsas fazañas:
basta!

Basta
ás mans asañadas,
ás fadas malfadadas,
ás malas malandanzas:
basta.

Basta ás amargas palabras.

Grazas! Ás palabras plantadas
nas landas da paz.

Elvira Riveiro Tobío

miércoles, 10 de octubre de 2018

Libros que van chegando: Anatomía da lingua de Antón Cortizas

É tan grande esta miña
pequena e humilde lingua
que nunca chegarei 
a pronunciala enteira.
Antón Cortizas, Anatomía da lingua

Anatomía da lingua é un poemario de Antón Cortizas con ilustracións de Leandro Lamas que vén de chegar aos nosos andeis. Un libro no que a musicalidade e o ludismo se combinan harmoniosamente arredor dun único tema: a lingua.

martes, 2 de octubre de 2018

Libros que van chegando: Soneto no alfabeto

Soneto no alfabeto é o novo poemario de Xoán Carlos Domínguez Alberte: unha homenaxe as 22 letras do alfabeto galego.


Pon e supón que o poema é un pan
que preparas con palabras puídas
que acaparas en patrias nacidas
do pensamento en semente artesán.
X.C. Domínguez Alberte, Soneto no alfabeto

lunes, 1 de octubre de 2018

Un poema de Ana Romaní


Hoxe deixámosvos un dos máis coñecidos poemas de Ana Romaní quen, como lembrabamos o pasado xoves vén de recibir o Premio Nacional de Xornalismo Cultural.


"Belas irmás, subide
ás mais firmes rochas"
EDITH SÖDERGRAN

Camiñan descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.
Ana Romaní: Das últimas mareas

jueves, 27 de septiembre de 2018

miércoles, 6 de junio de 2018

Libros que van chegando: Street Poems de Fran Alonso

Street Poems é o último libro de poesía publicado por Fran Alonso. Unha singular combinación de poesía, graffiti e poesía que nos amosa esa maneira tan peculiar e atractiva de entender a poesía do escritor vigués.



miércoles, 30 de mayo de 2018

Maio de Letras Galegas XVII: Elexías de luz


Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu perdera na auga
 Mª Victoria Moreno, Elexías de luz

Elexías de luz é un poemario publicado postumamente no que se inclúen en realidade dous: o que lle dá título e outro titulado Duns folios en branco. Mª Victoria  amosa neste libro o seu coñecemento da técnica poética e a paixón pola poesía que sempre sentiu, como amosa a antoloxía Os novísimos da poesía galega que publicou en 1973.


Neste amencer de pombas indecisas
conversarei coas fontes
onde beben pesares cristalinos
as sombras que se axitan pola noite.
Mª Victoria Moreno, Elexías de luz 
Para saber máis:

jueves, 22 de marzo de 2018

Día Mundial da Poesía II: Lembrando a Xohana Torres


Xohana Torres naceu en Santiago de Compostela o 22 de novembro de 1929 e faleceu en Vigo o 12 de setembro de 2017. Xohana (quen por certo está moi ligada a Ferrol onde pasou a súa infancia e mocidade) escribiu narrativa, teatro e poesía. Cultivou tamén a literatura infantil e xuvenil en galego con obras coma Polo mar van as sardiñas e Pericles e a balea



 Penélope




                                                  DECLARA o Oráculo:

                                                        "QUE a banda do solpor é mar de mortos,
                                                         incerta, última luz, non terás medo.


                                                         QUE ramas de loureiro erguen rapazas.
                                                         QUE cor malva se decide o acio.


                                                         QUE acades disas patrias a vendima.
                                                         QUE amaine o vento, beberás o viño.


                                                         QUE sereas sen voz a vela embaten.
                                                         QUE un sumario de xerfa polos cons".


                                                         Así falou Penélope: 
 
                                                        "Existe a maxia e pode ser de todos.
                                                         ¿A que tanto novelo e tanta historia?

                                                                             EU TAMEN NAVEGAR"

jueves, 15 de marzo de 2018

Mil grazas Dores



Un ano máis e grazas á colaboración da Biblioteca Pública Municipal a poeta Dores Tembrás estivo entre nós o pasado 8 de febreiro para impartir dous obradoiros de poesía: una para o alumnado de 6º de EP e outro para o de 2º de ESO.

cartografía de palabras
repetir cada signo
dentro da cuadrícula
papel en branco
pozo infindo
as palabras esvaran
por iso sempre cuadrículas
para salvalas
pequenas casas
onde vivir para sempre
Dores Tembrás

Asistir a un obradoiro de Dores é emocionarse e vivir a poesía, saber que esta é o cerne da nosa vida e que está aí tan presente... Aínda que non nos decatemos. Mil grazas Dores, por lembrárnolo e mil grazas á bibliotecaria municipal por colaborar con nós coma sempre!