Centro

lunes, 31 de octubre de 2016

Samaín e calacús

O Portal das Palabras, unha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié,  achéganos ao Samaín:

Halloween, Samaín ou Todos os Santos, as celebracións arredor do primeiro de novembro veñen de antigo e chegan ata nós máis ou menos transformadas. Na súa versión máis profana ou xa cristianizadas, todas teñen unha orixe común nas culturas indoeuropeas, que festexaban arredor desta data a fin do verán e, con iso, o comezo dun novo ciclo agrícola e tamén dun novo ano, que nacía coa estación escura. Neses días de transición, os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, mellor ou peor recibidos. E desa crenza precisamente derivan moitos dos ritos que se manteñen aínda hoxe.

 Para saber máis:

viernes, 28 de octubre de 2016

A boca do monte e o Samaín

Celia Díaz Nuñez vén de publicar hai uns meses a novela A boca do monte (Galaxia). Historia, aventuras, amor, fantasía e ficción combínanse nunha narración cun ritmo narrativo áxil que nos permite viaxar á Gallaecia romana e coñecer as orixes do túnel de Montefurado (tamén chamado a Boca do Monte).


Por certo, así nos describe Celia Díaz a celebración do Samaín na novela:

A lúa chea marcou o inicio do Ano Novo, o comezo da Estación Escura e o remate da Luminosa. O momento en que a Terra se encolle e se aletarga ata o renacer da primavera. Nesa data celebraron a festa do Samaín, o momento en que a porta do Outro Mundo está aberta, desaparece a barreira entre os dous mundos e os espíritos dos defuntos camiñan de par dos vivos. Os devanceiros mortos regresan do Alén para visitar os seus fogares.
Para guialos no seu camiño baleiraron carolas de nabos, introducindo no interior brasas acesas e colocáronas diante das cabanas.
Celia Díaz Nuñez, A boca do monte


jueves, 27 de octubre de 2016

Lecturas de medo

O alumnado de Infantil e Primaria participou nas "Lecturas de medo", unha actividade xa "tradicional" no noso centro nestas datas. Preme aquí se queres coñecer máis sobre esta actividade.


E, por certo, o alumnado de secundaria lembrade que hoxe no recreo temos prevista a lectura dun conto de medo moi especial... Unha sorpresa para pasalo de medo co medo.

martes, 25 de octubre de 2016

Wikitongues

Wikitongues é unha canle de You Tube que publica vídeos nas diversas linguas do mundo co fin de dar a coñecer e preservar a riqueza lingüística.

lunes, 24 de octubre de 2016

Mes das Bibliotecas Escolares e Día da Biblioteca

  Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!
Ledicia Costas
A piques de rematar este noso mes, o das Bibliotecas Escolares, queremos lembrar que hoxe se conmemora o Día da Biblioteca.

Co gallo desta celebración (unha iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil en colaboración co Ministerio de de Educación, Cultura e Deporte) encárgase a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora a redacción dun pregón e a elaboración dun cartel. Este ano as autoras seleccionadas son Ledicia Costas e Elena Odriozola, Premio Nacional de Literatura Infantil e Ilustración 2015.

Aquí tedes é o pregón de Ledicia Costas, na súa versión en galego, que atopamos no blogue de Gálix:

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca.

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos.

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!

Feliz Día da Biblioteca!

viernes, 21 de octubre de 2016

E na biblioteca... arte I

Este curso, como xa sabedes, Biblioteca Escolar-Territorio das Artes é  o lema escollido para os carteis e outros materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita con destino ás bibliotecas escolares.

Nós queremos que a arte, que sempre tivo o seu lugar na nosa biblioteca e neste blogue, sexa un dos eixos da nosa actividade, polo que hoxe comezamos lembrando unha exposición sobre o Mestre Mateo que se poderá visitar no Museo del Prado a partir do 29 de novembro e da que vimos de ter noticia grazas á web Culturagalega.org..
Por certo, deixámosvos un interesante vídeo sobre a restauración da obra cimeira do Mestre Mateo: o Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago de Compostela.

martes, 18 de octubre de 2016

Sempre Delibes

La novela es un hombre, un paisaje y una pasión.
Miguel Delibes 

Onte cumpríronse 96 anos do nacemento do escritor Miguel Delibes. Co gallo desta data celebráronse numerosas actividades tal e coma podiamos ler en El norte de Castilla, xornal ao que el estivo moi vinculado.


Para saber máis:


lunes, 17 de octubre de 2016

O Papagaio

O Papagaio é un xornal mensual en galego (editado en papel e dirixido aos rapaces e rapazas de Primaria e Secundaria) que vén de nacer. Inclúe temas de actualidade, ciencia, tecnoloxía, arte, banda deseñada... O primeiro número está dispoñible na rede.


viernes, 14 de octubre de 2016

Héctor Cajaraville: Premio Meiga Moira 2016

Coñecemos a través de Culturagalega.org a concesión do Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2016 a Héctor Cajaraville pola súa novela Denébola a Roxa. O xurado manifestou que Denébola a Roxa "é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, ambientada no século XVII que relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes".

Agardamos ler a novela pronto!

jueves, 13 de octubre de 2016

Bob Dylan: Forever Young

Forever young, forever young,
may you stay forever young.
Bob Dylan

O cantautor norteamericano Bob Dylan vén de recibir o Premio Nobel de Literatura 2016. Ao coñecer a nova viñeron tantas cancións á cabeza que ao principio se nos facía difícil escoller algunha. Despois, pensamos nunha, que lle dedicou ao seu fillo máis vello, na que amosa a súa capacidade de dicir o esencial con poucas palabras. Unha canción fermosa e simple: "Forever Young".

                
Para saber máis:

lunes, 10 de octubre de 2016

Jane Austen

Los trocitos de marfil (de dos pulgadas de ancho) en los que trabajo con un diminuto pincel
Carta de Jane Austen ao seu sobriño James Edward 


Austen, unha das grandes escritoras inglesas de todas as épocas, naceu na rectoría de Steventon (Hampshire) en 1775. En 1811 publicou, de forma anónima, a súa primeira novela, Sentido e sensiblidade. Nesta xa se aprecian algunhas das características fundamentais da súa obra narrativa: habilidade na descrición psicolóxica dos personaxes e do seu ambiente social, escasa importancia da intriga, ironía...


Dende entón ata a súa morte, en 1817, publicou seis novelas máis: Orgullo y prejuicio, Mansfield Park, Emma, La abadía de Northanger e Persuasión.

Para saber máis:

viernes, 7 de octubre de 2016

La buena vida

La buena vida é o título dunha guía, elaborada polo INGADA (Instituto Gallego del Déficit de Atención y trastornos asociados) coa colaboración da Consellería de Sanidade, para o fomento de hábitos saudables a través combinación de alimentación e exercicio físico.


lunes, 3 de octubre de 2016