Centro

lunes, 9 de mayo de 2016

Manuel María VI: Manuel María musicado

Os poemas de Manuel María teñen sido musicados en numerosas ocasións, sendo o grupo Fuxan os Ventos un dos que sen lugar a dúbidas máis contribuiu a popularizalos. Así soaba o poema "O carro" do libro Terra Chá (1954) nas súas voces.


                                                  
Para oír máis versións musicais de Manuel María:


viernes, 6 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas V: Manuel María. Vida, versos e rebeldía

Unha frase común di que os poetas viven nas nubes, nun mundo propio e idealizado, porén Manuel María pisaba a terra con firmeza, como todos os seus antepasados campesiños, dos que se sentía herdeiro. 
Manuel Veiga, Manuel María. Vida, versos e rebeldía.

Manuel Veiga e Xosé Lastra son os autores deste libro no que biografía e antoloxía se combinan coas suxestivas ilustracions de Nuria Díaz para ofrecernos unha visión completa do escritor chairego.


jueves, 5 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas IV: Un ano de poesía

A biblioteca do IES Lama das Quendas (Chantada) en colaboración con Televinte lanzou o proxecto "Manuel María. Un ano de poesía". Preme aquí se queres coñecer esta iniciativa que prentede gravar todos os días un poema do poeta chairego.
Fotografía atopada na "Fotobiografía" da web da Casa-Fundación Manuel María.

miércoles, 4 de mayo de 2016

Bibliocienciando

Mañá celebramos o Día da Ciencia no noso centro e nós quixémonos sumar a esta conmemoración cunha folliña voandeira que titulamos Bibliocienciando e cunha exposición de fondos da biblioteca.  Agardamos que vos guste.

Maio de Letras Galegas III: As rúas do vento ceibe

As rúas do vento ceibe publicouse en 1979 acompañado dunha carta-prologo na que Manuel María escribiu:

Velaquí o meu segundo volume de versos para nenos galegos. Tiña que ser. Este servidor, con case medio século ás costas que me florea nas barbas, sentiuse na obriga e sobre de todo na necesidade de escribir de novo para os nenos. Para todos os nenos galegos, e dun xeito particular para os nenos da cidade, un tanto esquecidos no outro meu libro para rapaces, Os soños na gaiola.

Manuel María

Eliximos para hoxe o poema "O semáforo": 

O semáforo
é un couso,
medio garda,
medio guía,
medio monstro,
medio espía.

O semáforo
é un ollo
matemático
inflexibel,
inhumano,
case terríbel.

 O semáforo
é unha flor
ateigada
de ledicia,
traspasada
de color.
Os sinais
do semáforo:
verde-chumbo
e vermellón
ditan leis
ao peatón,
ao turismo
e ao camión.
O semáforo
é  unha luz,
unha acesa
claridade
que ilumina
docemente
a tristura
da cidade! 
Manuel María, As rúas  do vento ceibe


martes, 3 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas II: Manuel María

Os soños na gaiola é o título dun poemario de Manuel María que se converteu nun clásico da literatura infantil en lingua galega. O poeta utiliza unha linguaxe sinxela para achegarnos ao mundo que nos rodea: a natureza, a paisaxe, os animais, as persoas e os paxaros.
Pero, deixemos que o propio poeta nolo presente:

Queridos nenos:
Un servidor, que xa ten canas e un gran bigote* que lle comeza a pesar, vai para vello. Nas súas horas de soedade lembra a súa lonxana infancia campesiña. Desas lembranzas foron nacendo os versos que seguen. Os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher, en parte, ese oco. Perdoádeme si non acertei. 
E moitas grazas a vós, nenos, a todos os nenos, cando escribín estes poemas volvín de novo á miña infancia. E coa lonxana música da miña infancia, que ía durmida dentro de min que despertou de novo, compuxen estes versos. Que sexan do voso agrado. 
Voso amigo sempre,

MANUEL MARÍA

* Agora non levo bigote somentes. Levo bigote e barba entrecana.


Escollemos para esta entrada de hoxe o poema titulado "Bolboreta":

Raio de luz, bolboreta
que voas de flor en flor:
¡non che me engada o teu voo,
que me engada a túa color!

¡Non che me engada o teu voo,
nen teu ar de soñadora!
¡A gracia da túa color
é o que a min me namora!

 ¡Engádeme a túa color,
metade noite e aurora,
as túas antenas delgadas
e as túas alas voadoras!

Bolboreta, vidro feble
que voas polo xardín:
¡semellas bolboretiña,
unha dona de postín...!

Manuel María, Os soños na gaiola 




lunes, 2 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas: Manuel María


Manuel María Fernández Teixeiro, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e faleceu na Coruña o 8 de setembro de 2004.  Ao longo deste mes de maio queremos lembralo con textos da súa autoría e enlaces aos numerosos recursos que podedes atopar en Internet.