Centro

miércoles, 18 de mayo de 2016

Centenario das Irmandades da Fala

Singer e Minerva
Galicia detivo
O seu afundimento,
Exasperante na lentitude,
Para alucar o encontro
Da máquina Singer 
Da costureira María Miramontes
E a imprenta Minerva
Do editor Ánxel Casal.
 Manuel Rivas, A boca da terra

Hoxe, 18 de maio, cúmprense cen anos da fundación das Irmandades da Fala e numerosas iniciativas lembran esta data coma podedes comprobar neste enlace.


Por certo, a fotografiada é de  María Miramontes, socia das Irmandades da Fala e membro da súa Xunta Directiva, a quen Manuel Rivas lembra nestes versos, que reproducimos no inicio, pertencentes ao seu poemario A boca da terra. Se queredes coñecer máis sobre a súa figura atoparedes información de interese no Álbum de Mulleres. 

lunes, 16 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas XI: Sempre Outeiro no corazón


Manuel María dedicoulle numerosos textos á súa vila natal: Outeiro de Rei. Así a lembra en A tribo ten catro ríos:

No lugar en que comeza ou remata a Terra Chá -pois nunca se sabe e depende de a onde se vaia ou de onde se veña- hai unha vila que se chama Outeiro de Rei. (...)

O caso é que Outeiro  de Rei, no comezo da súa vida, tivo tres ríos: O Pai Miño ou Río Grande, que vén atravesando toda a Terra Chá, ancho, solemne, vagaroso, recreándose ao ollar a beleza das súas propias ribeiras. O Ladra, de augas tépedas, que baixa estabourozando entre árbores, para morrer no Miño. O río Ladra morre murmurando porque sabe que morrer é o remate natural de cada vida e el non lle ten medo á morte. As súas augas cantareiras non desaparecen: mestúranse coas do Río Miño para lles dar un pouco máis de alegría. E finalmente o Río Pequeno, Río de Robra ou Santa Marta, que dos tres xeitos se chama.


viernes, 13 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas X: folliña voandeira do Día de Manuel María

Galiza docemente
está ollando o mar
Manuel María
Estámonos achegando ao día 17 e nós queremos rematar a semana cunha "folliña voandeira dedicada ao escritor Manuel María que podedes atopar na nosa web.

Eu nacín en Outono cando o sol
é colleita total madurecida,
plenitude cabal e ben cumprida,
florecido ronsel, morno remol.

En Outono a vida é doce e mol,
esperanza longamente presentida,
madurez xenerosa conquerida
na loita da semente por ser flor.

Eu nacín en Outono cando o mundo
é un froito dourado e en sazón,
un soño melancólico profundo.

Para ti é, Outono, esta canción
que a min me deixou no corazón
un misterioso vento vagamundo.
 
Manuel María, Poemas ó outono. 
 Fotografía atopada aquí.
 

jueves, 12 de mayo de 2016

Maio de Letras Galegas IX: Manuel María, a chaira no corazón ou o corazón da chaira


A vinculación de Manuel María coa comarca da Terra Chá aparece en toda a súa obra literaria, converténdose no poemario Terra Chá, publicado en 1954 no seu eixo.

Ollada a Terra Cha dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
¡ferrados de corazón, fanegas de alma!

Manuel María, Terra Chá



A Terra Chá somentes é:
un pobo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

Manuel María, Terra Chá 


miércoles, 11 de mayo de 2016

Manuel María VIII: Cando o mar foi polo río

As aventuras de Manuel de Paderna son o eixo de tres narracións de Manuel María: Cando o mar foi polo río, A tribo ten catro ríos e Viaxes e vagancias de M.. Manuel de Paderna é un peculiar personaxe capaz de facer abrollar as fontes, parar as augas dos ríos e ata din que suspender o voo dos paxaros!

Manuel de Paderna en toda a noite non puido pegar ollo. No seu corazón nacían unhas palabras fermosas, fondas, amantes e musicais. Non se atrevía a dicilas cos beizos por medo a mancalas. Sabía que as ondas do río paraban para as escoitar. E as árbores. E o mundo que se fixo silencioso para recoller, no fondo máis íntimo do seu ser, aquela mensaxe de beleza e de amor: só un puro latexar.
Manuel María, Cando o mar foi polo río.


martes, 10 de mayo de 2016

Día da Ciencia no noso centro


O pasado xoves 5 de maio celebramos o Día Ciencia no noso centro e asistimos a moi interesantes exposicións de proxectos e experimentos coma podedes comprobar neste enlace e nestoutro. A biblioteca tamén quixo estar presente nesta xornada tan especial cunha folliña voandeira e unha exposición de libros na entrada do edificio de secundaria. 


Moitas grazas ao profesor de Educación Plástica e Visual por deseñar uns carteis tan atractivos no que non faltou o da biblioteca e parabéns a todas e todos os que fixeron posible este evento.

Manuel María VII: continuamos coa música


As versións musicadas do poeta chairego non deixan de medrar. Así, Uxía e Magín Blanco ofrécennos en Canta o cuco versións de poemas de Manuel María nas que se mesturan as influencias do pop e do rock coa música tradicional e outros ritmos. Ademais, o libro conta con ilustracións de Leandro Lamas que recrean o mundo de Manuel María coa maxia da cor e da imaxinación.




Teatro do guiñol de Pirilampo vén de publicarse tamén en Sonárbore, a colección de Galaxia na que atopamos o libro-CD anterior.


A Berenguela é unha "opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María con música de Nani García" e con ilustracións de Migelanxo Prado. As aventuras da espiña de toxo Berenguela son o eixe desta suxestiva aproximación a poeta da Terra Chá.