«El teatro es mi realización y mi vida... Cuando Buero deje de existir ya no quedará más que su obra y Buero será su obra».
Antonio Buero Vallejo
Onte cumpríronse cen anos do nacemento do dramaturgo Antonio Buero Vallejo (1916-2000). A súa longa traxectoria dramática, que inaugurou en 1949 co estreo de Historia de una escalera, presenta unha visión do mundo profundamente humanista na que o simbolismo ten un importante papel.
Atopamos en Canal Lector unha interesante selección de lecturas titulada "Un curso por delante". Por certo, nós tamén publicamos no Nadal de 2013 unha guía de suxestións para o alumnado de secundaria que titulamos " Literatura, cine e educación".
Felices lecturas e xa sabedes: atoparédesnos onde o mundo se chama biblioteca.
Onte celebramos o Día Europeo das Linguas. Este foi proclamado polo Consello de Europa o 26 de setembro de 2001 para promover a aprendizaxe de idiomas en Europa e valorar a diversidade lingüística e cultural.
Un curso máis estamos de volta no blogue da biblioteca: benvidas e benvidos. Queremos empezar lembrando o cartel que a Asesoría de Bibliotecas Escolares elaborou para este vindeiro curso co lema "Biblioteca escolar-Territorio das Artes". Por certo, a imaxe foi creada pola ilustradora pontevedresa Minia Regos.
E coma sempre: agardámosvos onde o mundo se chama biblioteca!
Quizais as persoas esteamos feitas de recordos, quizais a nosa vida se asemelle a un pano tecido cos fíos da memoria, os mesmos que utilizo para construír as miñas novelas.
Agustín Fernández Paz, O rastro que deixamos
A mañá de hoxe tróuxonos unha triste nova: o falecemento do escritor Agustín Fernández Paz. Queremos lembrar a Agustín cuns anacos dun fermoso texto que escribiu para a conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e cun vídeo no que se recolle unha exposiciónrealizada na Biblioteca Agustín Fernández Paz do Instituto Basanta Silva de Vilalba (vila naquel naceu en 1947).
Un
mundo de palabras
Cando eu era neno, tiña na miña cama unha colcha feita con retallos
de teas de diferentes texturas e
cores: unha colcha de trapos. Lémbroa agora, despois de tantos anos, e
volvo escoitar o estrondo das ondas e o ruído do vento nas velas, e
sinto medo porque me atopo nunha selva chea de
perigos, e contemplo abraiado un espacio lunar ateigado de silencios...
Porque a miña memoria se enche cos mundos encerrados nos libros que
había na pequena biblioteca de meu
pai, aqueles libros que, coas mans aterecidas, eu lía con paixón nas
noites de inverno da miña infancia, abrigado pola colcha de trapos que
fixera miña
nai.
A min gustábame moito contemplar aquela colcha, imaxinar que a súa
superficie era como un inmenso territorio, un gran continente con
múltiples países, tan diversos e atraentes coma os debuxos e as cores
das teas que a formaban. E por eses países soñados, polas súas selvas e
cidades, polos seus montes, ríos ou desertos, facía eu vivir as
personaxes que nacían da miña imaxinación, alimentada decote polas
palabras gardadas naqueles libros
inesquecibles.
Estas lembranzas veñen á miña memoria mentres contemplo o globo
terráqueo que a miña filla ten no seu cuarto, iluminado por un sol
interior que o fai brillar na penumbra. E penso entón que o mundo é coma
a colcha da miña cama de
neno: un mosaico de cores, un inmenso puzzle de países e culturas, onde
todas as
pezas, grandes ou pequenas, son imprescindibles.
Coma na colcha que gardo na miña memoria, coma no globo terráqueo que acompaña os soños da miña
filla, tamén a diversidade está presente en todas as manifestacións da vida humana. Un mosaico de etnias, de
costumes, de linguas, de xeitos de entender o mundo. Unha pluralidade que é a nosa maior riqueza.
Quizais por iso, cando penso na variedade de linguas, nas diferentes
verbas que as persoas utilizamos para nomear o mundo, volve a min o
abraio dos meus anos de infancia, aquela certeza de que a través das
páxinas dos libros podía coñecer o mundo
enteiro. Agora sei que alí están as raíces deste pulo que me leva a
crear historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos
materiais.
As palabras, ese milagre cotiá que nos fai humanos. Con elas
aprendemos os nomes das
cousas, expresamos todo o que sentimos, dámoslle vida á nosa imaxinación
sen límites. E coas palabras podemos,
ademais, vencer o tempo e o espacio, dialogar con persoas doutras épocas
ou que están lonxe de nós. Velaí a marabilla dos libros, que nos
permiten coñecer o que pensan e soñan as persoas que falan en tantas
linguas diferentes.
Algunhas noites de verán gústame tombarme na herba e contemplar o
ceo que nos cobre. Sei que as estrelas que vexo escintilar no firmamento
son as mesmas que viron nos tempos
antigos, as mesmas que tamén fascinarán ás persoas do novo milenio que
nos
agarda. Un ceo amigo, que me leva a pensar nesoutro ceo de palabras e de
libros que tamén comparte toda a
humanidade. E sinto entón que a diversidade é o fío profundo que nos une
a todas as persoas que vivimos neste vello planeta. Un planeta que é a
nosa gran casa común, acubillada baixo esoutra colcha inmensa que polas
noites se enche de estrelas e nos acolle a todos.