Hai que recoñecer que son únicos 
custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. 
Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!
Ledicia Costas 
Co gallo desta celebración (unha iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil en colaboración co Ministerio de 
de Educación, Cultura e Deporte) encárgase a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora a redacción dun pregón e a elaboración dun cartel. Este ano as autoras seleccionadas son Ledicia Costas e Elena Odriozola, Premio Nacional de Literatura Infantil e Ilustración 2015.
Aquí tedes é o pregón de Ledicia Costas, na súa versión en galego, que atopamos no blogue de
 Gálix:
 
Un vagalume é unha illa diminuta 
extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación 
misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa 
estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son 
aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns
 grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera 
individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans
 dun experto e visitar unha biblioteca.
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras 
hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica 
descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos 
de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben 
interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas 
para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un 
desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un 
extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, 
cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, 
campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron 
criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que 
estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible 
acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición 
natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, 
percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o 
seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar
 tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón 
vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos.
Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería 
xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa 
grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe 
dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e 
agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti 
queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata 
Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. 
Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso 
é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, 
engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:
—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e 
logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como 
glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito
 desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para
 iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis 
inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos
 para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando 
tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan
 fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!
Ledicia Costas
Enlaces de interese:
 
Feliz Día da Biblioteca!