Centro

jueves, 14 de noviembre de 2013

Novembro de Ciencia II: científicos galegos

O Álbum da Ciencia é un proxecto do Consello da Cultura Galega que pretende contribuír "ao fomento da cultura científica da sociedade por medio da difusión do labor desenvolto polos científicos-as máis sobranceiros da historia de Galicia". Podemos atopar nel, por exemplo, a lembranza das irmáns Elisa e Jimena Fernández de la Vega, as primeiras mulleres que acadaron unha licenciatura, en Medicina concretamente, na Universidade de Santiago de Compostela.
O Álbum tamén nos fornece de información sobre outros destacados científicos como Ramón María Aller Ulloa, Domingo Fontán e Cruz Gallástegui que protagonizan o documental "As causas das cousas" da serie Historias de Galicia, producida pola TVG. 
Por certo, o mapa elaborado por Domingo Fontán, o primeiro mapa topográfico é científico de Galicia, ten un importante papel na novela Arredor de si do escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo, o cal conservaba na súa casa de Trasalba unha das escasas copias orixinais deste. Lembremos como o protagonista, Adrián, redescobre o mapa:
"Non á dereita, á esquerda, un pouco ao norte”. A vela alumou longamente un nome e o sitio de Compostela. Adrián lía nomes de montes, de ríos, de pobiños, de ermidas. A luz ía seguindo o trazado dos camiños.

Naqueles instantes estraños e fondos figuraban lucir no mapa agras marelas de centeo, ermos vestidos de flores de toxo e de piorno, serras penedosas, campanarios barrocos, xente que vai polos carreiros aos muíños e ás feiras, verdeceres de camposantos, fuxir de augas, praias dourada, galgar de ondas nos cons, velas que saen roselando o mar, orballeiras sobre as arboredas mestas, rúas de vellas cidades, soidades de esquecidos mosteiros."


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.